Novos auriculares sen fíos Energy Earphones Style 6 True Wireless

Energy Sistem vén de anunciar o lanzamento duns novos auriculares intrauditivos de tecnoloxía True Wireless Stereo que destacan polo seu deseño compacto e unha autonomía dunhas 10 horas. Trátase dos Energy Earphones Style 6 True Wireless.

Estes trebellos súmanse ao – cada vez maior – catálogo de auriculares sen fíos do fabricante alacantino, unha tendencia que vén marcada pola aposta das usuarias por modelos que aportan maior liberdade de movemento ao prescindir dos cabos e tamén polos propios fabricantes de smartphones, onde cada vez son máis os que eliminan o conector de audio jack 3.5.

Os Earphones Style 6 True Wireless contan cun deseño moi compacto e ergonómico, e teñen un peso de tan só 4,5 gramos. Dispoñen de conexión Bluetooth 5.0 e se axustan ao oído por medio de almofadiñas intercambiábeis, dispoñíbeis en varios tamaños.

Como xa avanzamos, a autonomía é unha das súas grandes bazas, pois achegan até 10 horas de reprodución de música sen interrupcións, e inclúen unha caixa que tamén actúa como powerbank, proporcionando tres cargas dos auriculares por cada carga completa do estuche.

Dispoñen de mans libres para poder acender / apagar os auriculares, controlar a reprodución, o volume e contestar as chamadas. Así mesmo, tamén integran Easy Connect e Open and Play, dúas funcionalidades destinadas a facilitar o emparellamento dos auriculares co noso smartphone ou tablet por Bluetooth.

Os Energy Earphones Style 6 True Wireless están dispoñíbeis en negro ou branco por 59,90 euros a través da tenda en liña de Energy Sistem, na seguinte ligazón.

Sobre o autor

Reply