Novidades de Google para rematar o ano: Assistant, Maps e a operadora Fi

Google remata o 2018 con varias novidades na fronte, algunhas delas relacionadas con dúas das aplicacións máis destacadas da compañía – Assistant e Maps – e outra que ten a ver con Google Fi, a operadora de móbil da compañía que funciona desde hai algún tempo nos Estados Unidos.

Google Assistant

O asistente de Google ten demostrado ser un dos máis completos, útiles e versátiles, sobre todo se temos en conta o gran volume de información que manexa a compañía, o que axuda a que os resultados e opcións que poden ofrecer sexan moitos e moi precisos.

A última novidade ten que ver coa mellora no uso da intelixencia artificial para anticiparse aos retrasos dos voos. Se até o de agora xa recibíamos información sobre estes, a partir deste momento Google tamén será quen de detectar se o avión que imos coller ten algún inconvinte que poida ocasionar un retraso nas horas de chegada ou de saída. Unha novidade interesante para aquelas usuarias máis viaxeiras.

Google Maps

Pola súa banda, Google Maps mellora nas opcións de compartir os lugares, permitindo partillar de vez varios sitios. Isto axuda a que as usuarias poidan elaborar listas personalizadas e, á vez, facilita a escolla de lugares para plans en grupo mediante votacións.

Google Fi

Por último, a última novidade ten que ver con Google Fi, o operador de Google. E é que a compañía vén de rexistrar a marca en Europa, o que anticipa a súa chegada ao vello continente, ou cando menos unha declaración de intencións.

Se ben a oferta comercial que ofrece Google Fi non é moi atractiva se a comparamos coas tarifas que gozamos actualmente no Estado español, de ofercer unhas condicións semellantes no aspecto do roaming pode ser interesante para usuarias que adoitan viaxar por todo o mundo.

Que vos parecen estas tres novidades? Cal considerades máis interesante?

Sobre o autor

Reply