Custou pero xa está con nós. Ao fin conseguimos facernos cunha unidade do reloxo estrela de Casio, o F-91W!! Levamos un tempiño probando este trebello para vós e así achegarvos todas os detalles deste smartreloxo.
Para comezar temos que sinalar o que se cadra, é o aspecto máis destacado deste gadget que é o tempo que leva no mercado. Púxose á venta no 1989 e cumprirá nuns días nada menos ca 30 anos. Polo demáis é un reloxo que tamén destaca polo deseño sinxelo e atemporal, que non pasa de moda, e sen dar cifras, Casio afirma que aínda se vende ben. Non o dubidamos, quen non desexa un!.
O reloxo conta con 3 funcións importantísimas nun aparato destas características, e son: hora, alarma e cronómetro. Curioso é que nun reloxo de hoxe, na pantalla principal aparece en grande a hora actual sen máis estridencias modernas, máis aló do día en letra e número, duplicidade que xa nos parece un exceso.
Na seguinte pantalla, aparece unha alarma, e dicimos ben, unha soa alarma. Polo tanto non temos máis oportunidades; que é iso de por 3, 4, 5, 6… alarmas consecutivas por se nos durmirmos. Arriba lacazáns!!
E para rematar coas funcións, debemos sinalar contamos cun preciso cronómetro de nada menos que seis díxitos, que máis podemos pedir? Pos podemos pedir, porque ademáis conta con dous detalles de calidade como non podería ser doutro xeito nun producto nipón. Temos ese bipbip horario que nos avisa de que queda unha hora menos para saír do traballo e a outra é a posibilidade de ver a hora en formato 12 ou 24 horas.
Hoxe en día, Casio decidiu adaptarse un pouco aos tempos que corren e decidiron ofrecer variantes desta versións en diferentes cores máis ou menos rechamantes para satisfacera todo tipo de públicos, podendo atopalo en cor ouro entre outros.
Non queremos rematar sen falar da súa autonomía. Casio afirma que este reloxo pode aguantar funcionando a pleno rendemento cunha soa carga, nada máis e nada menos ca 7 anos!!!. Non ten rival.
Iso sí, un punto que non nos gustou é que non conte con carga rápida e a velocidade de recarga dependerá de varios factores. Entre eles están a nosa previsión e habilidade para realizar tarefas manuais. Teremos que ter unha batería de reposto na casa e as ferramentas de precisión axeitadas para o seu cambio. Se non, sempre podemos ir ao reloxeiro e que faga o traballo suxo.
Para rematar, e que poidades valorar o noso esforzo, tede en conta que nin a marca nin un distribuidor nos prestou unha unidade para facer esta profunda análise, e tivemos que sacar a billeteira a paseo, e soltar case, case, case 9 eurazos!! Iso sí, valeu a pena o seu custo, e así poder probar o que para nós é o reloxo do ano.