Redmi será unha marca independente de Xiaomi

Os fabricantes chineses téñenos acostumados a ter divididas as empresas en varias marcas que funcionan de maneira independente, unhas veces debido a compras de outras compañías (ou tan só os dereitos de marca) e outras por simple estratexia.

Aos Huawei – Honor, Oppo – OnePlus, Lenovo – Motorola, Nokia – HDM, Alcatel – TCL…. súmase agora Xiaomi, que pretende independizar a familia de dispositivos máis económica, a serie Redmi, logo de ter iniciado un proceso semellante con Poco e o seu Pocophone F1.

O próximo día 10 de xaneiro a compañía lanzará un novo modelo da serie Redmi, cuxa principal característica será a incorporación dunha cámara de 48 megapíxeles. Será tamén o que inicie esta andaina en solitario, independente da matriz Xiaomi.

Deste modo Xiaomi terá ben diferenciada a súa oferta de dispositivos móbiles, con tres marcas para tres segmentos e grupos de usuarias que buscan cousas diferentes.

  • Mi: Os Xiaomi Mi serán os móbiles máis punteiros, os gama alta da compañía para as usuarias que lle piden máis a un teléfono.
  • Poco: como vimos co Pocophone F1, o obxectivo desta segunda marca é ofrecer terminais con características que poderíamos atopar en gamas altas pero a prezos máis accesíbeis (a cambio, obviamente, de perder en moitos aspectos).
  • Redmi: por último, a marca Redmi será o das gamas entrada e media, modelos de baixo custe e características interesantes.

A idea de Xiaomi é que os Mi estén dispoñíbeis tanto na venda online como a través das tendas físicas (propias e distribuidores), e que os Redmi queden destinados ao mercado online. Haberá que ver se isto acaba aplicándose en todas as rexións ou simplemente no seu país natal, xa que nestes tempos no noso país os Redmi son modelos que se están a vender maioritariamente en tenda física.

Sobre o autor

Reply