Un dos últimos teléfonos de Xiaomi, o Xiaomi Mi Mix 3, chega ao noso país de maneira oficial, onde o poderemos mercar nos puntos de venda habituais da compañía por algo menos de 500 euros.
O novo trebello do fabricante chinés é a terceira revisión dun modelo que destaca polo seu deseño de marcos recurtadísimos e unhas especificacións máis ca interesantes.
Características técnicas
Centrándonos na parte das especificacións, o Mi Mix 3 chega cunha pantalla AMOLED de 6,39 polgadas (1080 x 2340 píxeles, relación de aspecto 19,5:9, e no seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 845 (4 x Cortex A75 a 2,8 GHz e 4 x Cortex A55 a 1,8 GHz), xunto con opcións de 6, 8 e 10 GB para a RAM e de 64, 128, 256 e 512 GB para a memoria interna.
No apartado fotográfico temos unha cámara traseira formada por dous sensores de 12 megapíxeles cada un, un con apertura f/1.8 e outro con f/2.4 e flash LED. Do outro lado, a cámara frontal é tamén dobre, formada por unha cámara de 24 Mpx e outra secundaria de 2 Mpx, con apertura f/1.8.
A conectividade vén dada por 4G/LTE (aínda que haberá versión 5G proximamente), SIM dual, Bluetooth 5, NFC, WiFi 802.11 a/b/g/n/ac e USB-C. Tamén dispón de sensor facial 3D e lector de pegadas dixitais na parte traseira.
A súa batería fica nos 3200 mAh de capacidade, con carga rápida e tamén carga sen fíos. Finalmente, a versión de Android coa que chega ao mercado é Android 8.1, aínda que camuflada baixo a capa EMUI propia do fabricante.
Deseño premium
Máis aló das súas especificacións premium, algo que xa podíamos agardar dun modelo de XIaomi, o trebello destaca polo seu deseño de reducidos marcos.
A diferenza do seu predecesor, que incluía a cámara frontal na parte baixa do marco (o que obrigaba ás usuarias a ter que darlle a volta ao móbil para sacar os selfies), no Mix 3 temos un sistema deslizante na parte superior que debemos abrir para amosar as cámaras frontais, dun xeito semellante ao que xa vimos no Oppo Find X.
Dispoñibilidade e prezo
A partir de hoxe, 8 de xaneiro, xa podemos mercar este modelo no noso país por 499 euros na versión de 6 GB de RAM e 128 GB de memoria interna, tanto a través da tenda online de Xiaomi como nas súas tendas físicas (por exemplo na situada na cidade da Coruña).
Miui. Non Emui.