Analizamos a nova PALM que comercializa Vodafone

Nestes tempos de teléfonos cada vez máis grandes pensar nun trebello de 3,3 polgadas pode parecer unha brincadeira, pero existir existe. Trátase da proposta que nos trae a mítica marca PALM cun modelo que no noso país comercializa a operadora Vodafone en exclusiva.

Como non podía ser menos, propuxémonos o reto de probalo e este artigo é o resultado. Queredes coñecer este dispositivo a fondo? Seguide lendo.

Deseño, acabado e conexións

Sobra dicir que a nova PALM é un trebello pequeno, pero é que o é. É tan pequeno que podemos metelo nos petos interiores que adoitan ter os pantalóns vaqueiros e, sorprendentemente, cabe dentro.

Pero ademais de polo seu tamaño a nova PALM tamén destaca polo seu deseño e acabados, co uso de materiais como o aluminio e o cristal, que lle aportan ese toque premium tan de moda nos dispositivos actuais. A parte traseira, rematada en cristal, semella un teléfono de alta gama en miniatura onde destaca a cámara situada na parte posterior dereita e rodeada cun rectángulo redondeado en metal.

En canto aos botóns, redúcense a un, o botón de acendido, que fica situado no lateral dereito, xusto ao lado de onde temos a bandexa extraíbel para introducir a tarxeta SIM. Os conectores redúcense ao USB-C situado na parte inferior do dispositivo.

Por último, cabe destacar que é resistente tanto a pó como líquidos segundo o estándar IP68, o que o convirte nun trebello axeitado para o uso en esteriores.

Hardware e rendemento

No seu interior, o novo teléfono de PALM leva un procesador ben coñecido da gama media de Qualcomm, o Snapdragon 435, de oito núcleos a 1,4 GHz. Xunto con el, 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, características suficientes para o uso que se lle pode dar a este trebello.

Para o manexo de aplicacións habituais, como ferramentas de comunicación (correo, Telegram…), redes sociais (Twitter, Instagram….), deporte ou música este hardware resultounos máis ca suficiente, sendo quen de mover estas apps sen maior problema e con apenas lag.

Certamente, o que non fixemos foi probar xogos ou outras aplicacións máis demandantes de recursos, xa que polas súas dimensións tampouco é un trebello cómodo para iso

Pantalla

A pantalla é un dos puntos fortes deste modelo. Ten, como xa avanzamos, un tamaño de 3,3 polgadas, e a súa resolución é de 1280 x 720 píxeles. Isto fai unha densidade de 445 píxeles por polgada, que xa quixeran ter moitos dos smartphones da gama media de hoxe en día.

Foi un dos aspectos que máis nos sorprendeu para ben, xa que a a súa visualización é perfecta en todo tipo de ambientes, destacando especialmente nos exteriores (ideal se o uso que lle queremos dar ao teléfono é para facer deporte, por exemplo).

Cámara

No apartado fotográfico, a PALM integra unha cámara principal na parte traseira de 12 megapíxeles, con flash LED, mentres que na parte dianteira temos un sensor de 8 megapíxeles.

Como podedes ver no pequeno álbume que preparamos, a PALM non está pensada para facer fotos, e a presenza de ambas cámaras é maís ben anecdótica, de xeito semellante ao que nos adoitamos atopar nas tablets de gama media.

Son unhas cámaras suficientes para sacar unha foto para, por exemplo, compartir unha publicación en redes sociais nun dos nosos paseos, pero desde logo non para que sexa a principal cámara coa que tomar imaxes dos nosos recordos.

Software

En canto ao software, a nova PALM integra Android 8.1 Oreo, aínda que cunha personalización propia bastante atractiva e moito máis xestual, baseada nas iconas grandes das aplicacións.

Este aporte estético pareceunos todo un acerto, pois unha pantalla tan pequena non é a mellor para poñerse a ler textos ou navegar entre ducias de apps. Así, a elección deste modelo máis visual facilita moito a navegación entre aplicacións e o manexo xeral do dispositivo.

Así mesmo tamén hai que pór en valor o “modo vida”, que vén a ser un modo desconexión que nos permite silenciar notificacións para disfrutar da nosa familia sen perder a conectividade que poida que precisemos.

Batería

A batería é de 800 mAh de capacidade, e achega unha autonomía dun día e medio para usalo como trebello secundario. Se queremos empregalo para todo e, especialmente, se o usamos para consumir contidos multimedia, veremos que a descarga faise moito máis rápido do que poderíamos agardar.

A carga faise moi rápido, en boa medida porque a capacidade é bastante máis pequena do que adoitamos estar acostumados nos dispositivos máis habituais, que superan os 3000 mAh de carga..

Conclusións

Este teléfono tivemos que analizalo coa perspectiva de que non está pensado para ser o noso teléfono principal, senón un segundo trebello para usos como saír a facer deporte, “desconectar” sen perder conexión e outros usos semellantes.

Para ese cometido, é un dispositivo que cumpre e responde, especialmente se nos fixamos en características como a resistencia IP68, a calidade da súa pantalla, o tamaño ou o rendemento.

Outra cousa é que queiramos empregalo como teléfono principal, xa que acostumados a un teléfono grande non nos pareceu a mellor opción, especialmente pola calidade media das súas fotos e o complicado que pode ser a introdución de texto nun teléfono tan pequeno.

O novo teléfono de PALM pódese mercar no noso país en exclusiva a través de Vodafone, por 410 euros sen compromisos ou desde 15,5 euros ao mes para pago a prazos.

Sobre o autor

One Response

  1. André 15 Xaneiro, 2019 Responder

Reply