R expándese a León e Cantabria

O grupo Euskaltel (formado polas cableiras galega R, a asturiana Telecable e a vasca Euskaltel) vén de anunciar o seu plan de expansión, que conleva a aintención de entrar en cinco novos mercados durante este ano 2019.

Concretamente, a compañía chegará a Cantabria e León a través da súa marca R, a Navarra e La Rioja con Euskaltel e a Catalunya con RACCtel+, co que poderá sumar máis dun millón de novos fogares ao longo do ano, aínda que as cifras de captación que calculan rondan os 90.000 novos clientes durante os próximos catro exercicios.

Euskaltel chegará a un total de 150.000 fogares en Navarra, onde xa leva comercializando os seus servizos desde o ano pasado, contando nalgunhas zonas co 8,2% do mercado. As previsións apuntan a que para o 2022 poderían acadar o 20% neste territorio.

No que afecta a R, o grupo pretende chegar a un total de 200.000 fogares en León e Cantabria grazas ao acordo para utilizar a fibra de Orange. Segundo os cálculos elaborados por Euskaltel, neste 2019 poderían acadar unha cota de penetración de entre o 4 e o 6%, e até un 12% en 2022.

Finalmente, en La Rioja pretenden chegar a uns 85.000 fogares e en Catalunya a uns 600.000 a través da marca RACCtel+, tras o acordo asinado semanas atrás.

O acordo que teñen Euskaltel e Orange ofrece a posibilidade potencial de acadar un total de 10 millóns de fogares en todo o estado, aínda que polo de agora parece que a idea é ir ampliando fronteiras nos territorios limítrofes aos que xa están asentados.

Sobre o autor

Reply