Desde hai unhas semanas circulan pola rede imaxes e outras informacións sobre un novo terminal de entrada de Honor, a marca alternativa de Huawei, que agora vén de ser confirmado tras a súa presentación en China. Falamos do Honor Play 8A, un teléfono que no noso país quedará situado entre os 119 e os 149 euros.
O trebello vén equipado cunha pantalla IPS de resolución HD+ de 6,09 polgadas, e como motor ten un procesador MediaTek Helio P35, de oito núcleos, xunto con 3 GB de RAM e opcións de 32 ou 64 GB.
A súa batería fica nos 3020 mAh de capacidade e a súa cámara principal é de 13 megapíxeles con apertura f/1.8, mentres que a frontal está formado por un sensor de 8 megapíxeles, esta vez con apertura f/2.0.
Entre os puntos a destacar temos o uso do USB-C, o conector que xa é un estándar e que Huawei e Honor non acababan de integrar nos modelos de gama media e de entrada, así como a presenza de Android 9 Pie de serie, aínda que con capa propia.
Na China está previsto que se comercialice por 102 euros ao cambio, polo que tal e como avanzamos antes o máis seguro é que ao noso país chegue por un prezo entre os 119 e os 149 euros.