Durante a feira IFA, celebrada en Berlín o pasado mes de setembro, CAT anunciou o lanzamento dun novo teléfono intelixente robusto, o CAT B35 Smart 4G, un modelo ultrarresistente baseado en KaiOS, o sistema operativo que están a integrar varios fabricantes para os seus teléfonos con teclado.
Tras unhas semanas connosco, queremos compartir as nosas impresións sobre este dispositivo destinado a profesionais de entornos industriais que precisan un extra de seguridade.
Deseño e resistencia
Como adoita acontecer cos modelos de CAT e outros fabricantes de teléfonos robustecidos, unha primeira ollada chega para descubrir que estamos ante un teléfono resistente a golpes e caídas, e este B35 Smart 4G non ía ser menos.

O teléfono está protexido por todos os lados por unha goma rugosa que evita que o terminal esvare e o protexe das caídas, independentemente de como sexa o ángulo das mesmas
Na parte frontal temos a pantalla e, por debaixo dela, o teclado alfanumérico, cunha parte superior con teclas de dirección e manexo e outra inferior para a introdución de texto ou números. Do lado contrario, na parte traseira, temos a única cámara que atoparemos neste móbil, sen flash, e xunto a ela o principal altofalante.
En canto aos portos de conexión, na parte inferior, agochado baixo unha lapela, temos o porto microUSB de carga e o jack de audio de 3.5 mm, e no lateral esquerdo atopamos o espazo para a tarxeta SIM e a microSD.

Para pechar este apartado temos que falar da súa resistencia. O trebello está certificado para poder funcionar en condicións extremas, incluíndo o certificado IP68 (pó e auga, somerxido a 1,2 metros durante 35 minutos), probas de caída desde até 1,8 metros sobre cemento e temperaturas extremas.
Hardware discreto, pero suficiente
Pasemos a falar do hardware. Polo tipo de teléfono que é, o Cat B35 Smart 4G non é un teléfono cunhas especificacións que chamen a atención, mais o certo é que este resulta suficiente para as opcións que permite.
A súa pantalla é un panel de 2,4 polgadas con calidade QVGA. Non se trata dunha pantalla táctil (aínda que a intuición levábanos a probar), nin tampouco dun panel cunha nitidez excelente, mais destaca polo ben que se ve en exteriores, seguramente un dos entornos máis habituais nos que se usará un dispositivo coma este.
O procesador é un Qualcomm 8905, de dous núcleos a 1,3 GHz, e xunto a el ten 512 MB de memoria RAM e 4 GB de memoria interna, que podemos ampliar a través de tarxetas microSD.

A conectividade vén dada polo 4G/LTE, WiFi e Bluetooth 4.1. Dispón de opción dualSIM, radio, conector de auriculares 3.5 mm e a posibilidade de crear un punto de acceso WiFi para conectar outros dispositivos.
Por último, a batería é de 2300 mAh de capacidade, e con ela conseguimos unha autonomía de entre 3 e 4 días para un uso bastante activo, o que nos sorprendeu gratamente. Hai que ter en conta que ao non ter pantalla táctil redúcese bastante o consumo enerxético do dispositivo, mais aínda así é algo a valorar moi positivamente.
Software
Como comentamos antes, o seu sistema operativo é KaiOS, unha alternativa aos dous grandes sistemas operativos (Android e iOS) que están a empregar varios fabricantes con teléfonos non-táctiles para ofrecer características que vaian máis aló das chamadas e mensaxes.
Neste senso, KaiOS permite funcións de conectividade 4G e WiFi, así como funcionar como punto de acceso WiFi para conectar outros dispositivos. Así mesmo, tamén integra características básicas dos smartphones, como correo electrónico, navegación web, Google Assistant e Google Maps, entre outros.

Dispón dunha discreta tenda de apps, onde sobre todo predominan os minixogos, aínda que tamén atopamos algunha web-app do tempo, para ler códigos QR ou para acceder a Twitter. Este é se cadra o punto no que este sistema operativo está un pouco máis “coxo”, xa que as opcións son bastante limitadas e, por poñer o exemplo de Twitter, nalgún caso non é máis ca unha web-app integrada.
Cámara
Como era de imaxinar, a cámara neste teléfono é unha simple anécdota. É un sensor de 2 megapíxeles que nos permite capturar fotos de baixa resolución para saír do paso, pero que nada teñen que ver coas cámaras que temos visto noutros modelos de CAT que xa analizamos no blog.

Podedes botarlle un ollo a algunhas das imaxes tomadas co terminal no noso perfil de Flickr.
Conclusións
Un teléfono destas características non é un trebello para todo o mundo, mais é o teléfono axeitado para o uso profesional, especialmente en fábricas, almacéns ou contornas de risco, como pode ser a industria madeireira.
Ofrecer conexión á rede e funcións de smartphone é toda unha vantaxe á hora de traballar, xa que permite levar a cabo moitas máis funcións desde o propio dispositivo.

Sorprendeunos positivamente o peso deste modelo concreto, moito máis lixeiro do habitual nun dispositivo deste tamaño, así como a calidade dos seus acabados, algo que xa vén sendo máis habitual en todos os dispositivos que firma CAT.
O CAT B35 Smart 4G está dispoñíbel para mercar no noso país a través da tenda en liña de CAT por 109 €, un prezo máis ca interesante para un modelo destas características.