Fíltranse os prezos dos Samsung Galaxy S10

Se hai un terminal agardado este ano ese é o Samsung Galaxy S10. O fabricante surcoreano celebra este ano o décimo aniversario do seu dispositivo estrela, e as espectativas son moi altas.

É por iso que ante o anuncio do evento no que se dará a coñecer este trebello, previsto para o 20 de febreiro, as filtracións e novas multiplícanse, até o punto que os principais datos sobre os modelos (porque haberá varios) xa son públicos.

A última filtración chega desde Italia, onde o medio TuttoAndroid conseguiu acceder aos datos sobre versións e prezos en Italia, que con toda seguridade serán os mesmos que teremos no estado español: haberá un total de seis modelos, partindo dos 779 na versión máis económica e chegando até os 1599 na máis completa.

As cores

A versión máis económica será o Samsung Galaxy S10E (ou S10 Lite), que chegará en varias cores (negro, branco, amarelo e verde), algo que nos lembra á estratexia seguida por Apple cos modelos XR.

Por outro lado, o Samsung Galaxy S10 e o Samsung Galaxy S10+ chegarán en negro, branco e verde, aínda que o S10+ tamén terá duas versións especiais sen acabado cerámico.

Os prezos

Os prezos filtrados en Italia, que seguramente serán os mesmos ou moi semellantes no noso país, son os seguintes:

  • Samsung Galaxy S10E (ou S10 Lite). Chega nunha única versión de 6 GB de RAM e 128 GB de almacenaxe interna por 779 euros.
  • Samsung Galaxy S10. Chega en dúas versións, unha de 6 + 128 GB por 929 euros e outra de 8 + 512 GB por 1179 euros.
  • Samsung Galaxy S10+. Terá 3 versións, unha de 6 + 128 GB por 1049 euros, outra de 8 + 512 GB por 1299 euros e outra especial de 12 GB + 1 TB por 1599 euros.

Informacións confirmadas

  • Cámara frontal: a cámara frontal vai estar integrada na pantalla, a través dun burato, que será un pouco máis amplo no S10+ ao contar con dobre cámara.
  • Sensor de pegadas baixo a pantalla. Cando menos unha versión (imaxinamos que o S10+), terá o sensor de pegadas baixo a pantalla.

Todo o demais son, até o de agora, especulacións. Por sorte falta menos dun mes para a cita con Samsung no que coñeceremos toda a información oficial dos novos modelos.

Sobre o autor

Reply