Vivo APEX 2019: sen botóns, portos nen rendixas

O fabricante chinés Vivo presentou un novo dispositivo bastante peculiar, o Vivo APEX 2019. Trátase dun modelo cuxa maior novidade é que non dispón de botóns físicos, portos ou buracos, máis aló dun minúsculo espazo para o micrófono, e que pode dar unha idea de por onde poden ir os dispositivos que coñezamos nos próximos anos.

Aínda que polo de agora non se coñecen moitas das súas especificacións básicas, como o tamaño e calidade da súa pantalla, as dimensións e o peso, a capacidade da súa batería ou a versión de Android que leva, o fabricante si que deu información sobre outras características.

Do que sabemos podemos intuír que é toda unha besta en potencia, ao contar co novo procesador referencia de Qualcomm, o Qualcomm Snapdragon 855 (un modelo octacore, con 1 x Cortex A76 a 2,84 GHz, 3 x Cortex A76 a 2,42 GHz e 4 x Cortex A55 a 1,8 GHz), xunto con 12 GB de memoria RAM e opcións de 256 ou 512 GB de capacidade interna, en ambos casos non ampliábeis.

Dispón de cámara traseira dual, formada por un sensor principal de 12 e outro secundario de 13 megapíxeles, Bluetooth 5.0, WiFi de dobre banda, carga sen fíos, sensor de pegadas dixitais baixo a pantalla, conectividade 4G/LTE e tamén soporte para as novas redes 5G.

Polo de agora descoñécese se este terminal é un simple modelo prototipo ou se se trata dun terminal para ser lanzado ao mercado de maneira experimental. Coa convocatoria do Mobile World Congress petando á porta, o máis seguro é que non tardemos moito en coñecer máis detalles sobre este dispositivo tan novidoso.

Sobre o autor

Reply