Motorola non quixo agardar pola gran cita da telefonía móbil, o Mobile World Congress, que se celebra a finais de mes en Barcelona para dar a coñecer o seu novo portfolio de produtos. Así, nun evento en Brasil anunciou o lanzamento do novo Moto G7 e as súas versións derivadas G7 Plus, G7 Power e G7 Play.
Moto G7
O primeiro destes modelos, o Moto G7, está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 632 (8 x 1,8 GHz), xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de almacenaxe interna, ampliábeis por microSD.
A súa pantalla é un panel LCD de 6,24 polgadas (resolución 2270 x 1080 píxeles) con relación de aspecto 19:9, e no apartado fotográfico temos unha cámara traseira formada por lentes de 12 + 5 Mpx con flash LED e unha dianteira de 8 Mpx.
Dispón d conexión USB-C, sensor de pegadas dixitais na parte traseira, Dual SIM, Bluetooth 5, WiFi dual e NFC. A súa batería é de 3000 mAh.
Moto G7 Plus
A versión “plus do Moto G7 non é un trebello máis grande, senón algo máis potente, ao integrar o procesador Qualcomm Snapdragon 636 (8 x 1,8 GHz), con intelixencia artificial. As memorias son, igual ca na versión estándar, de 4 e 64 GB.
Os cambios neste modelos témolos no apartado fotográfico, onde integra unha cámara traseira de 16 + 5 Mpx (aínda que a frontal é a mesma de 8 Mpx), e no son, apostando por altofalantes estéreo.
Moto G7 Play
Tal e como aconteceu cos modelos anteriores da serie Moto, o G7 Play é un trebello que recurta algunha das súas prestacións, como o procesador (leva un Qualcomm Snapdragon 632 de 8 x 1,8 GHz) ou as memorias, ofrecendo 2 GB de RAM e 32 GB de almacenaxe ampliábeis por microSD.
A súa pantalla fica nas 5,7 polgadas (1512 x 720 púxeles), tamén LCD con relación 19:9, mentres que en fotografía temos unha cámara principal de 13 megapíxeles e unha frontal de 8 Mpx.
Conserva, iso si, aspectos como o USB C, o WiFi de dobre banda, o NFC, o sensor de pegadas traseiro ou os 3000 mAh de capacidade de batería.
Moto G7 Power
Por último, o Moto G7 Power é a versión que destaca pola autonomía, ao ofrecer 5000 mAh de capacidade de batería.
Polo demais, ten unha pantalla de 6,2 polgadas (1512 x 720 píxeles, 19:9), procesador Qualcomm Snapdragon 632 (8 x 1,8 GHz), 4 GB de RAM e 32 GB de memoria ampliábeis por microSD.
As cámaras son de 12 e 8 megapíxeles, para traseira e frontal respectivamente, e dispón, ao igual ca o resto, de Bluetooth 5, WiFi dual, NFC, USB-C e sensor de pegadas.
Dispoñibilidade e prezos
Os prezos destes terminais son os seguintes:
- Moto G7 Plus: 299,99 euros
- Moto G7: 249,99 euros
- Moto G7 Power: 209,99 euros
- Moto G7 Play: 149,99 euros.
O Moto G7 chegará en branco e negro o 15 de febreiro; na mesma data, pero azul e vermello teremos o Moto G7 Plus, e en violeta, azul e negro o Moto G7 Power. Finalmente, o Moto G7 Play estará dispoñíbel a finais de marzo en azul e dourado.