Tur4All, a aplicación que abre a porta ao turismo accesíbel

Os nosos dispositivos – especialmente o noso smartphone – téñense convertido nunha ferramenta esencial á hora de viaxar, xa que neles almacenamos a información sobre os nosos voos, reservas, actividades… mais tamén trazamos rutas e buscamos información sobre os lugares.

Porén, aínda que nos últimos anos houbo avances (como a integración de rutas accesíbeis en Google Maps), a meirande parte das aplicacións de viaxes non teñen en conta as necesidades das persoas con algunha discapacidade, e aí é onde entra en xogo Tur4All, a aplicación da que vos queremos falar hoxe.

Tur4All é un proxecto desenvolto por PREDIF en colaboración coa Fundación Vodafone España que conta cunha páxina web e aplicacións para Android e iOS nas que se amosan tanto establecementos como lugares de interese e actividades coa debida información en termos de accesibilidade, xa sexa atendendo ás discapacidades físicas, visuais, auditivas ou cognitivas, entre outras.

O que fai interesante este proxecto é a implicación da comunidade, esencial para introducir novos lugares ao directorio xeral, facendo que cada día haxa información máis completa e precisa. Polo de agora os recursos limítanse aos territorios do Estado español e Portugal, pero a previsión é que nos próximos meses poida chegar a máis países.

O uso da aplicación é realmente sinxelo. Basta con acceder a ela e filtrar os recursos que buscamos para acceder á información que nos interese, tal e como podemos ver nas seguintes capturas de pantalla.

Se preferimos facer unha busca máis xeral podemos facer uso da función “preto de min”, na que podemos filtrar os resultados por un número máximo de quilómetros ao noso arredor.

As usuarias rexistradas poden valorar e comentar os diferentes lugares e actividades, así como intercambiar comentarios ou facer aportacións de lugares para engadir ao repertorio.

Como comentamos ao comezo do artigo, resulta unha ferramenta moi interesante para axudar ás persoas con necesidades especiais. A aplicación pode descargarse de balde desde a Play Store.

Sobre o autor

Reply