Así será a nova interface de Google Maps

Se hai unha aplicación de mapas por excelencia esa é Google Maps, pero como sempre hai marxe para a mellora, desde Google xa están a traballar nunha nova versión, cuxa “beta” puxeron a disposición de varios Local Guides estadounidenses que fan de betatesters, e grazas aos cales podemos ter un adianto.

En The Wall Street Journal puideron probar esta versión en probas e veñen de publicar un vídeo no que analizan a nova interface de Google Maps, na que cobra protagonismo a realidade aumentada.

Tal e como se pode ver no vídeo, a nova interface divide a pantalla en dúas partes: a inferior, na que aparece o clásico mapa, e a superior, na que podemos ver a realidade captada pola cámara coas indicacións superpostas.

Con todo, semella que para poder empregar esta funcionalidade hai que usar o teléfono en vertical, o que fai que sexa algo para usar de maneira puntual se imos a pé ou con máis comodidade se temos o noso terminal nun soporte, o que abre a porta a que sexa unha interface máis acaída para sistemas de navegación baseados en Android.

Descoñecemos canto tardarán en aparecer estas novidades nunha versión estábel de Google Maps, mais pode que aínda sexa cuestión de semanas.

Sobre o autor

Reply