Fíltranse as especificacións do novo Galaxy Watch

Queda xusto unha semana para o Samsung Unpacked 2019, o gran evento no que Samsung dará a coñecer as súas novidades. E evidente que o gran protagonista da xornada será o Galaxy S10 e as súas variantes, mais aínda así haberá sitio para outros accesorios, como o Galaxy Watch Active.

Precisamente este trebello vén de sufrir das temidas filtracións, que nos avanzan as súas características e deseño uns días antes de que se presente de maneira oficial.

Sucesor do Gear Sport, o novo Galaxy Watch Active tería unha pantalla AMOLED de 1,1 polgadas (0,1 polgadas menos ca o seu predecesor), cunha resolución de 360 x 360 píxeles, e perde o bisel xiratorio que caracterizou todos os últimos modelos da compañía surcoreana.

A batería tamén se reduce até os 236 mAh (fronte os 300 mAh), algo que imaxinamos ten que ver con esta redución da pantalla, mais tamén coa mellora no consumo enerxético. Así mesmo, o cargador pasará a ser unha base na que se apoia o reloxo de maneira horizontal, e non xirado 90 graos como até o de agora.

En canto ao deseño e outras características, o seu espesor queda nos 13 mm e pode resistir auga até 50 metros de profundidade. O seu procesador é un Exynos 9110 de dobre núcleo, leva 4 GB de almacenaxe interna, Bluetooth 4.2, NFC e conectividade WiFi.

As primeiras informacións apuntan a que non haberá versión 4G, mais teremos que agardar ao momento da súa presentación para saber se isto é así ou, simplemente, a información filtrada non é completa.

Sobre o autor

Reply