Xiaomi ten previsto anunciar o seu próximo terminal de referencia, o Xiaomi Mi 9, a poucos días de comezar o Mobile World Congress. Concretamente será o próximo mércores, 20 de febreiro, a mesma data elixida por Samsung para presentar a súa nova xeración de dispositivos Galaxy S10.
O novo trebello da compañía chinesa apostará por todas as tecnoloxías que van dar que falar este ano, como a triple cámara ou o sensor de pegadas dixitais baixo a pantalla. En canto ao seu interior, poucas sorpresas: teremos o procesador Snapdragon 855, o último referencial de Qualcomm.
Aínda que teremos que agardar uns días para coñecer todos os detalles oficiais, polo de agora podemos adiantar que as filtracións apuntan á implementación dun sistema de recoñecemento facial en 3D, 3500 mAh de capacidade de batería, 8 GB de memoria RAM e 128 GB de almacenaxe interna, cando menos na versión máis básica.