Aínda que moitas esperaban que Samsung anunciase os seus modelos referenciais durante o Mobile World Congress que comeza a finais de semana coas primeiras keynotes, o fabricante surcoreano preferiu adiantarse uns días para dar a coñecer o novo Galaxy S10 e os seus modelos derivados, o Galaxy S10 Plus e o Galaxy S10E.
Os tres modelos supoñen a décima evolución dunha serie que, sen lugar a dúbidas, foi (e segue sendo) imprescindíbel para que Android fora o que é hoxe en día, achegando prestacións e características que foron inspirando a moitas outras durante todo este tempo.
Desde o Galaxy S6 as novidades da serie chegan a pares. Así, o S6 chegou co S6 Edge, un modelo equivalente pero coa pantalla curvada, e o S7 seguiu a mesma liña, aínda que medranto en tamaño de pantalla na versión “edge”. Co S8 vivimos un cambio nesta evolución, entendendo que a curva debera ser outra seña de identidade da serie S, polo que lanzaron o S8 e o S8+, trebellos que só se diferenciaban no tamaño da pantalla. Finalmente, o S9 e o S9+ seguiu a mesma liña, aínda que dotando á versión “plus” de algunha mellora hardware adicional.
O Galaxy S10 é o modelo do décimo aniversario, e era obvio que tiña que haber algo especial, e o primeiro que vemos é que hai tres versións: S10, S10+ e S10E. A continuación detallámosvos as especificacións de cada modelo.
Samsung Galaxy S10E
É o modelo máis modesto dos tres, e unha das características que máis chama a atención del é que a súa pantalla non ten a característica cruva que, como comentamos antes, leva a saga S desde o S8.
- Pantalla: 5,8 polgadas. Panel Super AMOLED con resolución 1080 x 2280 píxeles (438 ppp) con Gorilla Glass 5.
- Procesador: Exynos 9820 (Europa) ou Qualcomm Snapdragon 855 (USA)
- RAM: 6 GB
- Memoria interna: 128 GB + microSD até 512 GB.
- Cámara principal: sensor dual, formado por un principal de 12 Mpx con f/1.5-2.4 e outro secundario de 16 Mpx con f/2.2
- Cámara frontal: 10 Mpx con f/1.9 Dual Pixel.
- Outros: saída jack 3.5 mm, NFC, Bluetooth 5.0, WiFi de dobre banda, USB C.
- Sensor de pegadas dixitais: situado no lateral
- Batería: 3100 mAh
Samsung Galaxy S10
Trátase do modelo intermedio, un modelo de dimensións contidas para aquelas usuarias que non queren un trebello grande nas mans. Neste caso xa se emprega a pantalla curvada.
- Pantalla: 6,1 polgadas. Panel Super AMOLED con resolución 1440 x 3040 píxeles (550ppp) con Gorilla Glass 6.
- Procesador: Exynos 9820 (Europa) ou Qualcomm Snapdragon 855 (USA)
- RAM: 6 GB / 8 GB
- Memoria interna: 128 GB / 512 GB + microSD até 512 GB.
- Cámara principal: sensor tripe, formado por un principal de 12 Mpx con f/1.5-2.4, un telefono de 12 Mpx con f/2.4 e un ultrapanorámico de 16 Mpx con f/2.2
- Cámara frontal: 10 Mpx con f/1.9 Dual Pixel.
- Outros: saída jack 3.5 mm, NFC, Bluetooth 5.0, WiFi de dobre banda, USB C.
- Sensor de pegadas dixitais: situado baixo a pantalla.
- Batería: 3400 mAh
Samsung Galaxy S10 Plus
O último dos tres modelos é o máis ambicioso, un trebello que medra tanto en tamaño como en especificacións.
- Pantalla: 6,4 polgadas. Panel Super AMOLED con resolución 1440 x 3040 píxeles (550ppp) con Gorilla Glass 6.
- Procesador: Exynos 9820 (Europa) ou Qualcomm Snapdragon 855 (USA)
- RAM: 6 GB / 8 GB / 12 GB
- Memoria interna: 128 GB / 512 GB / 1 TB+ microSD até 512 GB.
- Cámara principal: sensor tripe, formado por un principal de 12 Mpx con f/1.5-2.4, un telefono de 12 Mpx con f/2.4 e un ultrapanorámico de 16 Mpx con f/2.2
- Cámara frontal: sensor dual formado por unha cámara principal de 10 Mpx con f/1.9 Dual Pixel e outro secundario de 8 Mpx con f/2.2.
- Outros: saída jack 3.5 mm, NFC, Bluetooth 5.0, WiFi de dobre banda, USB C.
- Sensor de pegadas dixitais: situado no lateral
- Batería: 4100 mAh
Tres modelos para públicos diferentes
Con estas tres opcións Samsung súmase á estratexia de contar con diferentes modelos dentro da súa gama alta, para ofrecer solucións destinadas a públicos con necesidades diversas.
O S10 E seguramente sexa un dos más vendidos por prezo, mais aquelas persoas que exixan o máximo dos seus dispositivos optarán polo S10 ou pola súa versión “plus”. Nestes dous últimos modelos atopamos importantes innovacións, como o lector de pegada baixo a pantalla, e no caso do “plus” melloras na cámara frontal e outros pequenos detalles, como a carga reversíbel sen fíos, que permite cargar outros dispositivos.
Dispoñibilidade e prezos
Os novos modelos de Samsung pódense reservar desde hoxe até o 7 de marzo, e na meirande parte dos distribuidores chega cos novos auriculares sen fíos Galaxy Buds de agasallo., aínda que non estarán á venda de maneira oficial até o 8 de marzo.
En canto aos prezos, son os seguintes:
- Galaxy S10E (6 + 128GB): 759 €
- Galaxy S10 (6 + 128 GB): 909 €
- Galaxy S10 Plus (6 + 128 GB): 1009 €
- Galaxy S10 Plus (8 + 512 GB): 1259 €
- Galaxy S10 Plus (12 + 1 TB): 1609 €
Que vos parecen?