O novo Samsung Galaxy Fold inaugura unha nova categoría de móbiles

Se o ano pasado foi o dos móbiles con múltiples cámaras, este parece que vai ser o dos móbiles pregábeis, trebellos que abultan pouco pero que se poden abrir para ofrecer unha experiencia máis completa.

Samsung aproveitou o seu día grande para anunciar o seu primeiro modelo destas características. Á parte dos agardadísimos Galaxy S10, dos que xa vos falamos onte, o fabricante surcoreano avanzou o Galaxy Fold, aínda que lamentábelmente na presentación española non había unidades para podermos ter un primeiro achegamento.

O dispositivo incorpora unha pantalla Infinity Flex de 7,3 polgadas, aínda que unha vez pechado deixa unha pantalla exterior adicional de menor tamaño, 4,6 polgadas. Deste modo, Samsung aposta polo público que quere ter un modelo de contidas dimensións para levar no peto, mais que non quere perder a oportunidade de gozar dunha pantalla maior para levar a cabo outras funcións, como ver vídeos ou traballar en multitarefa, permitindo o uso de tres aplicacións a un tempo.

Detrás da fabricación deste móbil hai todo un reto en enxeñaría, en primeiro lugar na pantalla, que non se dobra, prégase, polo que para facelo posíbel foi preciso facer un panel aproximadamente un 50% máis fina que a típica pantalla que leva un smartphone. Así mesmo, tamén se desenrolou un novo sistema de bisagra que é capaz de pechar o dispositivo “en plano”, algo que consegue cun sistema de múltiples engranaxes entrelazados.

Especificacións técnicas

Centrándonos nas súas especificacións, o Galaxy Fold conta cunha pantalla principal de 7,3 polgadas con resolución QXGA e formato 4.2:3, mentres que a pantalla da cuberta é un panel de 4,6 polgadas Super AMOLED con resolución HD e formato 21:9.

No seu interior alberga o Qualcomm Snapdragon 855, xunto con 512 GB de memoria interna e 12 GB de RAM, o que fai que sexa un trebello pontente para poder levar a cabo calquera tipo de traballo que se lle exixa.

No apartado fotográfico atopamos moito en común cos S10, con quen comparte a meirande parte dos sensores. Dispón dun total de 5 cámaras, tres na parte traseira (12 + 12 + 16 Mpx), unha para selfies na parte interna (10 Mpx) e outra segunda, tamén para selfies, para empregar co dispositivo pechado (10 Mpx).

A súa batería é de 4380 mAh, por suposto, con carga rápida. Tampouco lle falta o NFC e outras características que xa tiñamos visto nos dispositivos Galaxy de alta gama, como o modo escritorio a través do USB-C.

Dispoñibilidade e prezo

Está previsto que este modelo se poña á venda a durante o segundo trimestre do ano por un prezo algo por baixo dos 2000 euros.

Sobre o autor

One Response

  1. Rubenix 23 Febreiro, 2019 Responder

Reply