LG leva as tres cámaras traseiras á gama media co Q60

Malia que LG ten programado o seu primeiro gran evento do ano para este próximo domingo, no que previsibelmente coñeceremos o LG G8 ThinQ, o fabricante surcoreano non quixo desaproveitar o resto da semana e quenceu motores para o MWC co anuncio do LG Q60, o modelo co que renova a gama media.

O LG Q60 é un trebello de gran pantalla, concretamente de 6,26 polgadas; trátase dun panel FullVision con resolución HD+ e formato 19:9. No seu interior atopámonos cun procesador de oito núcleos a 2 GHz, xunto con 3 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, que poden ser ampliados noutros 2 TB adicionais a través de tarxetas microSD.

No apartado fotográfico temos importantes novidades, xa que a compañía implementou unha cámara traseira formada por tres sensores, un principal de 16 megapíxeles, que está acompañado dun de 2 megapíxeles para profundidade e outro de 5 megapíxeles gran angular. Do outro lado, na cámara dianteira temos un sensor de 13 megapíxeles.

A batería é de 3500 mAh, unha capacidade habitual nos smartphones deste tamaño. Completando a lista de especificacións cómpre destacar o son DTS:X 3D, o lector de pegadas dixitais e a protección MIL-STD 810G.

Polo de agora descoñécese o seu prezo e cando vai poñerse á venda no noso país, algo que imaxinamos comentará o fabricante durante o Mobile World Congress.

Sobre o autor

Reply