Xiaomi re-anuncia o Mi 9 e unha versión 5G do Mi Mix 3 na súa keynote previa ao MWC

Xiaomi celebrou esta mañá a súa keynote previa á inauguración do Mobile World Congress, no que o fabricante chinés contará cun stand propio, como xa fixo o ano pasado. O evento serviu para reanunciar o Xiaomi Mi 9, o seu novo modelo referencial, que xa foi avanzado pola compañía nun acto que tivo lugar na China esta mesma semana. Ademais, a compañía tamén lanzou a versión 5G do seu Mi Mix 3.

Especificacións técnicas

Como xa nos ten acostumados, o novo modelo da compañía conta cunha folla de especificacións moi interesante, comezando pola súa pantalla, onde temos un panel de 6,4 polgadas con tecnoloxía Samsung AMOLED, resolución 1080 x 2340 píxeles e un brillo de 600 nits.

No seu interior temos o procesador Qualcomm Snapdragon 855, de oito núcleos (1 x 2,8 GHz, 3 x 2,4 GHz e 4 x 1,8 GHz), acompañado de 6 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, aínda que tamén haberá dúas versións con 8 GB de RAM e 128 ou 256 GB de memoria interna.

No apartado fotográfico temos unha cámara traseira triple, formada pola combinación de sensores de 48 + 16 + 12 megapíxeles (gran angular e telefono), con apertura f/1.8 e flash LED. A cámara dianteira fica nos 24 megapíxeles.

O sensor de pegadas dixitais agóchase baixo a pantalla, algo que cada vez está sendo máis popular nos móbiles de gama alta. Ademais dispón de USB-C, WiFi de dobre banda, Bluetooth 5.0, NFC e unha batería de 3.300 mAh con carga rápida e carga sen fíos.

Dispoñibilidade e prezo do Xiaomi Mi 9

O novo trebello de Xiaomi ten un prezo de partida de 449 euros na verisón de 6 GB de RAM e 64 GB de memoria interna, e tamén na de 128 GB, aínda que só se aplicará ás primeiras 1000 reservas desde a páxina web da tenda oficial de Xiaomi no noso país. Desde hoxe pódese reservar tamén en Media Markt.

Xiaomi Mi Mix 3 5G

Por outra banda, aproveitando que estamos nun Mobile World Congress no que a palabra 5G é o que máis soa, Xiaomi tamén anunciou o seu primeiro smartphone 5G. Porén, non se trata dun modelo descoñecido, senón unha versión actualizada do Mi Mix 3 con soporte a estas novas redes.

Para demostrar o seu potencial, Xiaomi levou a cabo unha demostración en colaboración con Orange pola cal estableceron unha chamada en tempo real entre a presentación e a sede de Orange sobre esta tecnoloxía de rede, momento que podedes ver no seguinte vídeo.

O Xiaomi Mi Mix 3 5G chegará ao noso mercado por 599 euros no mercado libre, aínda que tamén o van comercializar as tres operadoras que teñen máis avanzado neste tema: Vodafone, Orange e Movistar.

Sobre o autor

Reply