Wiko anuncia novos terminais e a súa expansión aos EEUU

Wiko foi fiel á súa cita no Mobile World Congress e, nun stand completamente renovado, anunciou un ano máis as súas novidades, que pasan por novos terminais e un importante avance na súa estratexia internacional, consistente na expansión aos Estados Unidos.

A marca, creada en 2011, xa ten presenza en máis de 30 países de Europa, África, Oriente Medio e Asia, e presume de ser o terceiro fabricante en Francia (cunha cota de mercado do 12% e o cuarto en Italia, cun 5%. O próximo obxectivo é Estados Unidos, onde entrará en colaboración coa operadora Sprint.

Novos terminais para a nova era

Para esta nova etapa a compañía presenta dous novos dispositivos con pantalla ultrapanorámica e triple cámara, ademais de baterías de longa duración. Son o Wiko View 3 Pro e o Wiko View 3.

Ambos os dous modelos chegan cunha cámara principal Sony, concretamente o sensor IMX486 de 12 Mpx e un tamaño de píxel de 1.25 um, acompañada dunha segunda cámara gran angular de 120 graos e 13 megapíxeles e unha cámara de profundidade. Por outro lado, na parte frontal do View 3 Pro temos unha cámara de 16 Mpx con tecnoloxía Big Pixel (8 Mpx no View 3). A batería en ambos modelos é de 4000 mAh de capacidade, con carga rápida Pump Express.

O Wiko View 3 Pro leva unha pantalla de 6,3 polgadas con resolución FullHD+, e no seu interior ten un procesador MediaTek Helio P60, xunto con 6 GB de RAM e 128 GB de memoria interna na versión máis ambiciosa ou 4 + 64 GB para quen non precise tanto, nos dous casos ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 256 GB. Así mesmo, ten desbloqueo facial e NFC.

Pola súa banda, o Wiko View 3 ten unha pantalla algo menor, de 6,26 polgadas HD+, e vén co MediaTek P22, 64 GB de interna e 3 GB de memoria RAM.

Dispoñibilidade e prezos

O Wiko View 3 Pro chegará en dúas cores, nightfall e ocean, mentres que o View 3 poderá mercarse en night blue, blush gold, e electro bleen.

En canto aos prezos, o View 3 Pro de 128 + 6 GB poderase mercar por 299,90 €, e por 249,99 € o de 64 + 4 GB. O View 3 (64 + 3 GB) custará 179,90 €.

Sobre o autor

Reply