Vodafone completa a primeira conexión de smartphones a unha rede 5G

Vodafone pode presumir de ter activado a primeira rede 5G pre-comercial a nível mundial, algo que fixo uns días antes do Mobile World Congress na cidade de Barcelona.

Aproveitando o escaparate mundial que supón a celebración do MWC, a compañía comezou as probas con smartphones 5G como os presentados durante a feira e nos días previos, acadando plena funcionalidade. Así mesmo, confirmou estar traballando con catro dos grandes fabricantes que serán pesos pesados nesta tecnoloxía: Samsung, Xiaomi, Huawei e LG.

Polo de agora estas probas son a primeira fase para a súa comercialización máis adiante ao longo do ano, xa que Vodafone comezou a instalación de nodos 5G NSA en zonas céntricas doutras cidades, como Madrid, Sevilla, Málaga, Bilbao e Valencia.

O 5G de Vodafone no MWC

Máis aló da anécdota, Vodafone tamén amosou outros proxectos de uso do 5G, entre os que destacan un vehículo conectado, unha solución para converter equipos 4G a 5G e outras aplicacións no campo da medicina.

Durante a feira, un vehículo conectado percorreu o centro de Barcelona enviando datos técnicos e a súa posición ao stand da compañía na Fira empregando a rede 5G, mentres que varios músicos situados en diferentes lugares interpretaron unha mesma peza para ver as vantaxes da baixa latencia deste tipo de redes.

Por outro lado presentaron 5G Converter, o que permite dotar de conectividade 5G a dispositivos 4G, 3G ou 2G mediante WiFi. Esta tecnoloxía poderá intergrarse en routers, electrodomésticos ou altofalantes intelixentes, por exemplo.

Malia todo, como xa avanzamos antes, aínda teremos que agardar uns meses para que teñamos acceso ás primeiras aplicacións reais de 5G, mais todo apunta a que nos espera un futuro moi interesante.

Sobre o autor

Reply