Durante o Mobile World Congress un directivo dunha coñecida marca de smartphones apuntou ao regreso dos “selfie phones”, teléfonos nos que a cámara frontal é dos puntos máis fortes, segundo parece, polo gusto nos países asiáticos por este tipo de fotografías.
O ZTE Blade V10 é unha boa mostra desta idea. Trátase da nova aposta do fabricante chinés para a primeira parte do ano, e ten na cámara frontal de 32 megapíxeles un dos seus principais atractivos.
O dispositivo incorpora unha pantalla TFT Full HD de 6,3 polgadas con ratio 90,3% e 400 puntos por polgada. No seu interior alberga un procesador octacore (2,1 GHz), xunto con opcións de 3 + 32 ou 4 + 64 GB para RAM e almacenaxe interna, respectivamente,
Na cámara traseira temos un sensor dual, formado por unha cámara de 16 e outra de 5 megapíxeles, e a batería fica nos 3200 mAh de capacidade. Leva sensor de pegadas dixitais na parte traseira, Bluetooth 4.2, USC-C e jack de auriculares 3.5 mm.
Está previsto que se poña á venda en negro, verde e azul a un prezo aínda por confirmar.