Huawei continúa coa renovación do seu portfolio de dispositivos anunciando un novo trebello que se suma á serie Y, a gama entrada do fabricante chinés. Falamos do Huawei Y7 2019, un teléfono sinxelo pero que recolle algunhas das características que cada vez son máis demandadas polas usuarias.
![](http://mallandonoandroid.gal/wp-content/uploads/2019/03/huawei-y7-2019-3.jpg)
O novo Y7 2019 integra unha pantalla HD+ de 6,26 polgadas (1520 x 720 píxeles), e no seu interior alberga o procesador Qualcomm Snapdragon 450, xunto con 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna ampliábeis por microSD.
En canto ás cámaras, a principal está formada por un sensor dobre, froito da combinación dun de 13 e outro de 2 megapíxeles, mentres que na parte frontal temos un sensor de 8 megapíxeles.
![](http://mallandonoandroid.gal/wp-content/uploads/2019/03/huawei-y7-2019-2.jpg)
A súa batería é de 4000 mAh de capacidade, dispón de lector de pegadas dixitais (situado na parte traseira do dispositivo) e leva Android 8.1 Oreo, aderezado coa personalización habitual de Huawei, a capa EMUI, na súa versión 8.2.
Dispoñibilidade e prezo
Polo de agora Huawei non confirmou nin a súa dispoñibilidade nin o seu prezo, aínda que si que precisou que chegará en 3 cores: azul (Aurora Blue), vermello (Coral Red) e negro (Midnight Black).