Nun evento celebrado esta mañá en Madrid, Xiaomi anunciou o lanzamento de dous novos produtos. Por unha bande deu a coñecer o novo smartphone Redmi Note 7, que se porá á venda a partir do 14 de marzo na súa versión máis económica, así como tamén o set de dispositivos conectados Mi Smart Sensor Set.
O novo teléfono da compañía chinesa pertence á serie Redmi, a máis económica, sen que iso signifique renunciar a características que, cando menos sobre o papel, resultan moi atraíntes.
O dispositivo conta cunha pantalla de 6,3 polgadas con fromato 19,5:9 e resolución FHD+ (2380 x 1080 píxeles), que conta cun pequeno notch na parte superior en forma de pinga. Está protexido mediante Corning Gorilla Glass na súa versión 5.
En canto á potencia, esta vén dada polo procesador Qualcoom Snapdragon 660 (velocidade máxima de 2,2 GHz), que está acompañado de 4 GB de RAM e 64 GB de almacenaxe interna na versión máis potente ou 3 + 32 GB na máis económica. A batería é, en mbos casos, de 4000 mAh de capacidade, e dispón de carga rápida Quick Charge 4.0.
A cámara posterior é un sensor CMOS retroiluminado Samsung ISOCELL Bright GM1 de 48 megapíxeles, que combina catro píxeles nun gran píxel de 1,6 µm para dar como resultado unha imaxe de 12 Mpx moito máis luminosa e nítida. Esta cámara traseira complétaa un sensor secundario de 5 Mpx para o efecto bokeh, mentres que na parte frontal temos unha cámara para selfies de 13 Mpx.
O novo Redmi Note 7 na súa versión de 3 + 32 GB xa se pode reservar desde hoxe a través de AliExpress e a tenda oficial de Xiaomi por 149 euros as 5000 primeiras unidades até o 31 de marzo. A partir do 14 de marzo custará 179 euros.
Por outro lado, a versión de 4 + 64 GB chegará o 21 de marzo a 199 €, podéndose mercar na web de Xiaomi, nas Mi Stores, Alcampo, Carrefour, El Corte Inglés, MediaMarkt, The Phone House e Worten.
Mi Smart Sensor Set
Doutra banda, Xiaomi tamén anunciou a chegada ao noso país do set de dispositivos conectados Mi Smart Sensor Set, que combina dous sensores de movemento, dous sensores de fiestra e porta, un interruptor sen fíos e un hub de control.
Isto permite á usuarias recibir alertas de seguridade de forma remota cando se detecta movemento no fogar, así como tamén configurar diferentes escenarios con controis automatizados, como un clic para apagar todos os dispositivos intelixentes ou acender a iluminación ao abrir portas.
Estará dispoñíbel desde o próximo 1 de abril por 79,90 €.