Huawei traballa nun sistema operativo propio como “Plan B”

Huawei non pasa por un dos seus mellores momentos en canto a relacións con varios países, entre eles Estados Unidos ou Canadá, e mesmo parte dos estados membros da Unión Europea. A razón son as supostas espionaxes que se lle atribúen ao goberno chinés a través do “cabalo de Troia” de Huawei, un dos fabricantes que máis importancia cobrou nos últimos dous anos.

Esa é a principal razón pola que o fabricante chinés está traballando nun sistema operativo propio, tanto para smartphones e tablets como para ordenadores, o que lle permitiría independizarse de Android e Windows se fose necesario.

Esta información era un rumor desde hai varios meses, mais agora vén de ser confirmada polo CEO da compañía nunha entrevista nun xornal alemán, na que asegurou que “Temos preparado o noso propio sistema operativo. Se algunha vez ocorrese que xa non puidéramos usar estes sistemas (Android e Windows), estaríamos preparadas. Ese é o noso plan B, pero, por suposto, preferimos traballar cos ecosistemas de Google e Microsoft”

Huawei non é o primeiro fabricante en preparar unha alternativa para o futuro, pois por todas é coñecida a aposta de Samsung por Tizen, que de momento só emprega en wearables e nalgún que outro teléfono como proba, ou a propia Google con Fuchsia, un sistema operativo que serviría para todo tipo de dispositivos.

Veremos en que acaba o tema, mais o certo é que o anuncio semella ir encamiñado a facer unha demostración de forza máis que a querer levar a cabo o proxecto de verdade.

Sobre o autor

Reply