Analizamos a Samsung Galaxy Tab S4

O sector das tablets semella algo máis parado que hai uns anos, mais o certo é que todo indica que se está a orientar cara modelos que ofrecen un plus, o que fai que os actores e as opcións se reduzan. Quen busca unha tablet premium ten, a día de hoxe, tres opcións claras: ou Apple ou Microsoft ou Samsung, e unha das últimas referencias do fabricante surcoreano é a que vén de pasar pola nosa mesa de análises.

Falamos da Samsung Galaxy Tab S4, un modelo que, ademais de recibir a necesaria actualización de características fronte ao medolo anterior, tamén recibe outras novidades como o modo DeX, sen esquecernos dun punto diferencial: o S Pen.

Deseño, acabado e conexións

Se comparamos a Tab S4 coa súa predecesora atoparémonos cun cambio importante de deseño, especialmente no que ten a ver cos marcos, que se reducen de forma considerábel. Así mesmo tamén se elimina o lector de pegadas dixitais frontal, que é substituído polo recoñecemento de iris como único modo de seguridade biométrica.

As conexións físicas da tablet atopámolas na parte inferior do dispositivo, onde figuran os altofalantes, o USB tipo C e o jack de audio 3.5 mm. Así mesmo, no lado esquerdo temos os puntiños de conexión para o teclado físico, mentres que no lado dereito sitúanse os botóns de acendido e os controis de volume, así como o espazo para a SIM e tarxeta microSD.

Na parte posterior temos a cámara e os logos do fabricante e de AKG, responsábel do calibrado dos altofalantes. Os acabados son unha combinación de metal e cristal, protexido na parte superior (ademais de na pantalla) mediante Gorilla Glass.

En definitiva, estamos ante un dispositivo que tanto visual como ao tacto nos achega unha sensación de gran calidade e de trebello premium, como o é. Resultounos cómodo na man, tanto polo agarre como polo peso.

Hardware e rendemento

A Tab S4 vén equipada cun procesador Qualcomm de gama alta, o Snapdragon 835, con Adreno 540, 6 GB de memoria RAM e 64 GB de almacenaxe interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 512 GB.

En canto ás opcións de conectividade, dispón de GPS e GLONASS, WiFi 802.11 a/b/g/n/ac, Bluetooth 5.0 LE, LTE (opción), MHL 3.0 e USB de tipo C.

No momento do seu lanzamento a moitos chamoulles a atención que Samsung non optase por introducir o Snapdragon 845, máis recente e potente, e se quedase co anterior. Imaxinamos que a decisión vén dada por unha razón de costes e porque para a tablet resulta máis ca suficiente.

De feito, o trebello move sen problema calquera tipo de aplicación, e responde sen problema e retardos ao traballo en multitarefa.

Pantalla

A pantalla é un panel Super AMOLED de 10,5 polgadas cunha resolución de 2560 x 1600 píxeles, o que dá 264 píxeles por polgada. Trátase sen dúbida dun dos puntos fortes deste modelo, tanto polo brillo, como polo contraste como polas cores vivas que consegue.

ASí mesmo, o estreitamento dos marcos ofrécenos unha diagonal maior para disfrutar de máis contido no mesmo espazo físico, o cal é un beneficio que estamos a disfrutar en case todos os dispositivos recentes. Isto permítenos, por exemplo, disfrutar de dúas aplicacións en pantalla para poder traballar con elas comodamente.

Cámara

Aínda que o apartado fotográfico non é o que máis atención merece nunha tablet, cabe sinalar que Samsung traballou para mellorar este campo con respecto á versión anterior.

Se ben a cámara traseira se mantén nuns 13 megapíxeles, a cámara frontal mellora até os 8 megapíxeles con apertura f/2.2, co obxectivo de conseguir mellores selfies e imaxes máis de máis calidade para as videochamadas.

Software

En canto ao software, o dispositivo vén con Android 8.1 de fábrica, incluíndo a personalización de Samsung no que se engaden funcionalidades adicionais, entre as que destacan as que teñen que ver co S-Pen.

Ao igual ca os Galaxy Note, a serie de tablets S destaca por este lapis que aumenta a produtividade grazas ás súas posibilidades. Ademais do acceso rápido a tomar todo tipo de anotacións, o S-Pen é un elemento fundamental para o debuxo grazas á detección de 4096 puntos de presión e ao seu nível de precisión.

Aínda que é algo cada vez máis habitual, cómpre pór en valor a posibilidade de traballar coa pantalla dividida, que se ben é algo que está á orde do día en moitos dos trebellos que manexamos, cabe dicir que aínda hai moitos que non o soportan. Isto nunha tablet que busca ser unha ferramenta de traballo é fundamental e permite levar a cabo unha chea de opcións.

Por outro lado, e pechando este capítulo do software, temos que falar do modo DeX, que transforma a nosa tablet nun dispositivo de escritorio. Bástanos un cable USB-C a HDMI para que a nosa tablet se convirta nunha sorte de CPU e a interface na pantalla externa sexa semellante á de Windows ou outro sistema operativo de escritorio. Conectando, por exemplo, un teclado e un rato por Bluetooth xa teremos completada esta estación de traballo.

Hai que dicir que non todas as aplicacións están optimizadas para este modo escritorio, polo que pode que algunhas acaben véndose como se fose unha aplicación “vertical” lanzada nun emulador, pero aínda así para usos como a ofimática ou a navegación web resulta tremendamente interesante e cómodo.

Batería

A súa batería é de 7300 mAh de capacidade, unha mellora substancial desde o modelo anterior, grazas a ter ganado máis espazo co pequeno engrosamento do dispositivo.

Por suposto, é compatíbel con carga rápida, co que conseguimos ter a tablet a punto en menos de dúas horas. Con ela conseguimos máis de 11horas de uso, o cal está moi ben para un trebello destas características.

Conclusións

Tras unhas semanas empregando a Samsung Galaxy Tab S4 acabamos cunha sensación tremendamente boa. O dispositivo está equipado cun hardware á altura do que podemos agardar dun modelo de gama alta, con bo rendemento e unha pantalla espectacular, que luce por si soa.

No parte do software temos que pór en valor o traballo de Samsung na optimización da súa capa, que lonxe de ser invasiva e ter aplicacións que non precisamos, ofrece ferramentas útiles para os usos aos que está destinada.

O modo DeX é tamén un punto de valor, porque se ben é certo que na meirande parte das ocasións optaremos por outro tipo de solucións para a produtividade (nomeadamente, fundas con teclado), ofrece unha alternativa máis completa para aquelas persoas que teñen estacións de traballo.

En definitiva, a Galaxy Tab S4 é unha gran alternativa para todas aquelas persoas que buscan unha tablet Android de calidade e con posibilidades. Está dispoñíbel por uns 550 euros, tanto na versión WiFi como na LTE/4G.

Sobre o autor

Reply