Así sería Razr, o suposto móbil pregábel de Motorola

Tras coñecer as primeiras propostas de móbiles pregábeis anunciadas por Samsung e Huawei hai un mes, comezan a chegar as primeiras informacións sobre as alternativas de outros fabricantes, como o Motorola Razr, que viría a ser o primeiro móbil pregábel de Lenovo, dono actual da emblemática marca.

As imaxes de cabeceira deste artigo, que se corresponden cunha patente, amosan un deseño coñecido, o Motorola Razr orixinal, algo que se aproveitou para facer unha imaxe a modo de concepto que podería ser bastante fiel á realidade.

As filtracións tamén aportan información sobre varias das súas características técnicas, entre as que destacan a súa pantalla principal de 6,2 polgadas (876 x 2142 píxeles), un procesador Qualcomm Snapdragon 710, 4 / 6 GB de memoria RAM e 64 / 128 GB de almacenaxe interna. Tamén tería unha pantalla secundaria, aínda que de momento non trascendeu o seu tamaño.

Se esta información é correcta, estaríamos ante unha alternativa cunhas especificacións técnicas enmarcadas na gama media, aínda que cunha característica novidosa, o que podería repercutir nun prezo moito máis atractivo ca as alternativas de Samsung e Huawei, que superan os 2000 euros.

Haberá que ir vendo como evoluciona esta proposta nas próximas semanas, mais parece que as novas sobre smartphones flexíbeis vanse ir repetindo ao longo do ano.

Sobre o autor

Reply