O Sharp Aquos R3 introduce o “dobre notch”

Resulta complicado atopar no mercado actual un terminal que non leve notch ou buraco na pantalla, agás as excepcións que apostan por unha cámara frontal retráctil. Porén, a compañía xaponesa Sharp lanzou a comezos de mes un dispositivo que introduce unha nova solución para aproveitar todo o frontal dos dispositivos: o dobre notch.

Trátase do Sharp Aquos R3, un dispositivo de pantalla de LCD PRO IGZO de 6,2 polgadas (resolución 3210 x 1440 píxeles) e relación de aspecto 18:9, que no seu interior albega un procesador Qualcomm Snapdragon 855 con 6 GB de RAM e 128 GB de memoria interna non ampliábeis.

Na parte traseira leva unha cámara de dobre sensor (12.2 + 20 megapíxeles), mentres que na dianteira temos unha cámara única de 16.3 megapíxeles.

A súa batería é de 3200 mAh con carga rápida de 11 W, e dispón de conexión tipo C, conectividade 4G, Bluetooth 5, WiFi 5 e a versión 9.0 Pie de Android.

Porén, o que fai especial a este trebello non é ningunha das súas características técnicas, senón a presenza dun pequeno notch na parte inferior da pantalla, que non é máis que un sensor de pegadas dixitais.

Dispoñibilidade e prezo

O Sharp Aquos R3 aínda non ten prezo oficial, mais en calquera caso parece que a súa dispoñibilidade non vai ser global. Malia que a marca anunciou meses atrás a súa intención de avanzar en novos mercados, polo de agora a distribución dos seus produtos está limitada a certos países do continente asiático.

Sobre o autor

Reply