O fabricante chinés Xiaomi vén de anunciar o lanzamento dun novo dispositivo no noso país o Xiaomi Redmi 7A. Trátase dun dispositivo destinado ao segmento de entrada, e destaca – ademais de polo seu prezo – por contar cunha batería de longa duración.
O novo trebello vén a substituír ao Redmi 6A, manténdose nos 99 €. No seu interior integra un procesador Qualcomm Snapdragon 439 (octacore), xunt con 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna. Haberá unha versión de 3 + 32 GB dentro dunhas semanas, que terá un prezo de 119 euros.

Dispón dunha pantalla completa HD+ de 5,45 polgadas, con amplos ángulos de visión, e na parte fotográfica leva unha cámara traseira de 12 megapíxeles e unha frontal de 5 Mpx con desbloqueo facial en dúas dimensións.
A súa batería é de 4000 mAh, que como avanzamos ao comezo do artigo supón un dos puntos máis interesantes deste novo trebello. Ademais, leva un cargador máis rápido para reducir os tempos de carga de batería.
Os novos Xiaomi Redmi 7A chegan ao mercado do noso país en tres cores: negro, azul e vermello.