Xiaomi vén de anunciar o lanzamento do Xiaomi Mi A3, a última proposta da compañía da serie Android One, é dicir, cunha experiencia software limpa e rápida ao eliminarse as capas de personalización e toda esa ristra de aplicacións que adoitan introducir os diferentes fabricantes.
O novo trebello incorpora unha pantalla tipo AMOLED de 6,1 polgadas con notch tipo “pinga” na parte superior, protexida mediante Corning Gorilla Glass 5 e co sensor de pegadas dixitais integrado.

No apartado fotográfico, o Mi A3 aposta pola triple cámara traseira, cun sensor principal de 48 megapíxeles, que está acompañado dun gran angular de 8 megapíxeles e unha terceira cámara de 2 megapíxeles. Do outro lado, a cámara frontal é de 32 Mpx para conseguir uns autorretratos de gran calidade.
O procesador é un Qualcomm Snapdragon 655, con capacidades de intelixencia artificial e optimizado para Google Lens. Dispón de 4 GB de memoria RAM e opcións de 64 e 128 GB de capacidade interna. Finalmente, leva 4030 mAh de batería con carga rápida Quick Charge 4.0

Dispoñibilidade e prezo
O novo Xiaomi Mi A3 chega en tres cores (gris, azul e branco), e porase á venda a través de mi.com, das Mi Stores, Carrefour, El Corte Inglés, Media Markt. Movistar e Worten o próximo 24 de xullo, por 249 euros a versión de 64 GB e 279 € a de 128 GB.