O dicionario Galnet estrea aplicación

Na Play Store podemos atoparnos cunha boa variedade de dicionarios de diferentes idiomas, mais se falamos do galego as opcións redúcense notabelmente. Un dos últimos en chegar á tenda de aplicacións de Android é Galnet, desenvolto por un grupo de investigadores do Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo.

Galnet non é un dicionario ao uso, senón que está baseado en Wordnet, unha metodoloxía na cal os vocabularios das linguas están agrupados como redes de nodos, e conta con 750.000 palabras (unhas 70.000 en galego) incluíndo traducións e sinónimos para 10 linguas: galego, portugués, catalán, vasco, español, inglés, alemán, latín, italiano e chinés (tradicional e simplificado).

O uso da aplicación é bastante sinxelo, e o seu manexo moi intuitivo. Bástanos con facer a selección do idioma e escribir a palabra que queremos buscar; apareceranos nunha mesma pantalla todos os idiomas dispoñíbeis para a mesma.

A nosa experiencia coa aplicación foi positiva, especialmente no sentido da usabilidade. Se ben é certo que quedan moitos vocablos por introducir e que se poderían mellorar aspectos como a velocidade de resposta ou a posibilidade de click trough como xa fan outros dicionarios dispoñíbeis na Play Store, supón unha ferramenta de gran utilidade e pensamos que pode ter un futuro prometedor.

A aplicación pódese descargar de balde desde a Play Store.

Sobre o autor

Reply