Con certa periodicidade aparecen novas relativas a HTC, un dos fabricantes emblemáticos de Android que, malia ter xogado un papel fundamental hai uns anos, hoxe non pasa polo seu mellor momento. A compañía acumula varios anos de perdas no mercado móbil, mais semella que non acaba de darse por vencida.
HTC volve a acumular titulares con rumores e filtracións de novos modelos que pertencen á serie Wildfire, a súa liña de gama entrada e medio. En concreto estaríamos a falar dun total de catro modelos, cos que o fabricante aspiraría a ofrecer diferentes alternativas para un público potencial diverso.

Wildfire, Wildfire E, Wildfire E Plus e Wildfire E1 serían os catro modelos que engadiría HTC ao seu portfolio, aínda que só se filtraron algunhas características do modelo máis completo, o HTC Wildfire.
Segundo apuntan os rumores, tería un procesador MediaTek P23, xunto con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenaxe interna. A cámara posterior, un modelo con dous sensores, sería de 16 + 5 Mpx e a batería de 3500 mAh.

Haberá que ver cales acaban sendo as especificacións finais destes trebellos, así como se chegan ao noso mercado e a que prezo o fan, mais polo que se aprecia nestas informacións deberían ser modelos relativamente baratos.