Samsung anuncia a Galaxy Tab S6

O vindeiro mércores 7 de agosto Samsung anunciará os novos Galaxy Note10 e Galaxy Note10+, e as últimas filtracións facían prever que tamén sería o momento no que coñeceríamos a nova tablet do fabricante surcoreano, a Galaxy Tab S6.

Porén, semella que a compañía quere que ese día o protagonista único sexa o novo Note10, polo que onte anunciou de maneira oficial, e por sorpresa, a nova Samsung Galaxy Tab S6.

A nova tablet é un dispositivo de alta gama, que conta cunhas características técnicas moi interesantes. A primeira a súa pantalla, un panel SuperAMOLED de 10,5 polgadas con resolución 2K, que ademais inclúe o lector de pegadas dixitais baixo a mesma, converténdose na primeira tablet en dispór desta característica.

No seu interior leva un procesador fabricado en 7 nanómetros, un modelo de oito núcleos até 2,8 GHz. Ofrécense dúas configuracións de memorias e almacenaxe, unha de 6 GB de RAM con 128 GB de almacenaxe interna e outra de 8 GB con 256 GB, en ambos casos sendo esta memoria interna ampliábel mediante tarxetas microSD de até 1 TB de capacidade.

No apartado fotográfico temos unha cámara traseira con sensor dobre, de 13 + 5 Mpx, mentres que na cámara frontal incorpora unha cámara de 8 Mpx. Completando a experiencia multimedia, Samsung volveu apostar por un sistema de catro altofalantes firmados por AKG

A súa batería é de 7030 mAh, con capacidade de carga sen fíos, e entre as opcións de conectividade temos WiFi ac MIMO (de 2,4 e 5 GHz) e Bluetooth 5.0. Tampouco lle falta o sistema GPS cuádruple (GPS + Glonass + Beidu + Galileo) nin, por suposto, o lapis que fai característica a esta tablet.

Dispoñibilidade e prezo

A nova Samsung Galaxy Tab S6 chegará ao mercado a finais de agosto en dúas cores, Cloud Blue e Mountain Grey, aínda que polo de agora a compañía non quixo indicar a que prezo chegará.

Sobre o autor

Reply