Samsung anuncia o Galaxy Note10 e o Galaxy Note10+

Samsung anunciou onte á noitiña o lanzamento de novos modelos “Galaxy”, concretamente a renovación da saga Galaxy Note. Mais, con todo, a de hoxe non foi “unha presentación máis”, xa que Samsung crea unha nova estratexia lanzando o novo Samsung Galaxy Note10 en dous tamaños, 6,3 e 6,8 polgadas.

Galaxy Note10 vs Galaxy Note10+

Seguindo a estatexia da serie “S”, os novos Note chegan en dous tamaños de pantalla, concretamente 6,3 polgadas con resolución 1080 x 2280 píxeles na versión pequena e 6,8 polgadas (resolución 1440 x 3040 píxeles) na versión Plus. En ambos casos estamos a falar de pantallas Dynamic AMOLED protexidas con Corning Gorilla Glass.

No interior de ambos modelos atopámonos cos mesmos procesadores, que no caso dos Estados Unidos e China será o Qualcomm Snapdragon 855 e no caso de Europa, Latinoamérica e resto de Asia o Exynos 9825, de fabricación propia. Onde si que hai diferenzas é nas memorias internas, xa que o Note10 chega con 8 GB de RAM e opcións de 256 e 512 GB (non ampliábeis), mentres que o Note10+ vén con 12 GB de RAM e opcións de 256 / 512 GB de memoria interna ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 512 GB.

No apartado multimedia, se falamos de fotografía, a cámara frontal é un sensor dual píxel de 12 Mpx con f/2.2, mentres que na cámara principal temos unha combinación de tres sensores (12 Mpx con apertura variábel f/1.5 a 2.4, telefoto de 12 Mpx con f/2.1 e panorama de 16 Mpx con f/2.2). Por outra banda, no son Samsung volve apostar por Dolby Atmos e AKG.

Todos os modelos veñen con WiFi 802.11 a/b/g/n/ac/ax de dobre banda, así como con NFC, Bluetooth 5.0, USB C 3.1, os diferentes sensores de posicionamento (GPS, GLONASS, BDS, GALILEO) e sensor de pegadas dixitais debaixo da pantalla.

A batería é de 3500 mAh de capacidade no Note10 e de 4300 mAh no Note10+, con capacidade de carga rápida sen fíos a 20 W. En canto á carga por cable atopámonos cuna importante diferenza, xa que o Note10 admite carga rápida de 25W e a versión “plus” de 45W.

Un novo S-Pen e novas apcións de produtividade.

De todas as súas características, se algo fai única á serie Galaxy Note é a presenza do S-Pen, que o ano pasado co Note9 foi renovado para incluír conectividade Bluetooth, abrindo a porta a poder usalo como disparador da cámara ou para apuntar.

Este ano mellórase a dixitalización de texto, que permite resaltar frases, achegarse ou afastarse, cambiar o ancho e a cor dos textos e converter de xeito rápido e áxil escritura manual a texto dixital a través de Samsung Notes ou con exportación a Microsoft Word. Tamén se inclúe un novo sistema que permite o control de certos aspectos do dispostivo mediante xestos, algo que abre a porta a novas fórmulas de uso en xogos ou aplicacións.

Outra das novidades é a chegada de DeX para PC, que con só unha conexión USB permite ás usuarias mover arquivos rapidamente entre dispositivos ou empregar as aplicacións móbiles cun rato e un teclado. Así mesmo tamén se inclúe integración con Windows directamente no control rápido para ver notificacións, enviar e recibir mensaxes e revisar as fotos sen ter que mirar o seu teléfono.

Dispoñibilidade e pezo

Os novos Samsung Galaxy Note10 chegan ao mercado o próximo día 23 de agosto, aínda que desde hoxe está aberta a pre-reserva.

En canto aos prezos, o Note10 pódese mercar por 959 euros na versión de 256 GB (dispoñíbel en Aurora Glow, Aurora Black e Aurora Pink), mentres que o Note10+ custa 1109 € na versión de 256 GB ou 1209 € no caso de adquirir o de 512 GB, en ambos os casos podendo collelo en
Aurora Glow, Aurora Black e Aurora White.

Sobre o autor

Reply