Filtrado o Motorola One Action

A escasas semanas de que a cidade de Berlín volva converterse na capital da tecnoloxía coa celebración da IFA, as filtracións están na súa fase de máximo apoxeo. Unha das últimas afecta a Lenovo, que previsibelmente presentará un novo dispositivo Android One baixo a marca Motorola.

Estamos a falar do Motorola One Action, un terminal esteticamente moi semellante ao One Vision e cuxa folla de especificacións tamén foi descuberta antes de tempo.

De ser correcta a información filtrada, o novo trebello que prepara Lenovo levaría unha pantalla LCD de 6,3 polgadas con resolución 2520 x 1080 píxeles e ratio 21:9, e no seu interior albergaría un procesado Samsung Exynos 9609, xunto con opcións 3 e 4 GB de RAM e 32, 64 e 128 GB de memoria interna, en todos os casos ampliábeis mediante tarxetas microSD.

A cámara traseira dispón, como está sendo habitual en todos os teléfonos que se están a presentar ultimamente, de tres sensores, sendo o principal de 13 Mpx e incluíndo tamén un gran angular chamado “Action Cam”, que é precisamente o que lle dá o nome ao terminal. Do outro lado, na parte dianteira teríamos unha cámara de 13 Mpx.

Do resto de especificacións apúntase a que a batería sería de 3500 mAh de capacidade e que como sistema operativo levaría de serie Android One coa versión 9 Pie.

A filtración tamén especifica o prezo, fixándoo nos 299 euros, aínda que hai que tomar esta información coa cautela que unha filtración merece.

Sobre o autor

Reply