Mophie lanza dúas novas bases de carga sen fíos

Mophie, un dos fabricantes máis recoñecidos no mundo da carga inarámica, vén de anunciar o lanzamento de dúas novas bases de carga sen fíos. Unha delas está especialmente deseñada para as usuarias de Apple, como veremos máis adiante, mentres que a outra ten un deseño máis aberto a calquera persoa con dispositivos compatíbeis con este tipo de carga.

A primeira destas bases é un modelo “3 en 1”. Conta con función de carga rápida sen fíos a 7,5 W, no que podemos cargar calquera dispositivo que soporte o estándar de carga Qi.

Porén, o seu deseño está especialmente deseñado para accesorios de Apple, xa que, ademais dese punto de carga universal, dispón dun espazo destinado ao estuche de carga dos AirPods (o modelo con wireless charging), e un pequeno soporte no que podemos cargar o Apple Watch, reducindo notabelmente o número de cargadores que poderíamos ter, por exemplo, na mesiña de noite.

Por outra banda temos a base de carga sen fíos dual, un accesorio moito máis interesante para as usuarias de Android. Neste caso, Mophie ofrécenos dous puntos de carga rápida sen fíos a 7,5 W e, ao tempo, unha saída USB para poder conectar o cable e cargar un terceiro dispositivo que non fose compatíbel con este tipo de carga.

Dispoñibilidade e prezo

Ambas bases de carga xa están dispoñíbeis para poder mercarse. A primeira, a base 3 en 1 para dispositivos Apple, custa 149,95 €, mentres que a base de carga dual ten un prezo de 109,95 €.

Sobre o autor

Reply