Xiaomi anuncia o lanzamento do Xiaomi Mi 9T Pro

Logo da chegada do Xiaomi Mi 9T hai unhas semanas, o fabricante chinés vén de anunciar o lanzamento dun novo terminal, o Xiaomi Mi 9T Pro, un dispositivo que destaca tanto por fóra, coa súa pantalla sen marcos e a cámara frontal pop-up, como polo seu interior, onde nos atopamos cun procesador Qualcomm Snapdragon 855.

O novo Xiaomi Mi 9T Pro leva aposta por un panel frontal de gran tamaño, 6,39 polgadas, de tipo AMOLED con formato 19,5:9 e resolución 2340 x 1080 púxeles.

No seu interior incorpora o procesador Qualcomm Snapdragon 855 (até 2,84 GHz) con Adreno 640 e disipador gráfico de 8 capas. Como adoita ser habitual neste tipo de dispositivos, temos dúas opcións de memoria, 64 e 128 GB, en ambos casos non ampliábeis con microSD e, tamén en ambos casos, con 6 GB de memoria RAM.

No apartado fotográfico atopámonos cunha cámara traseira triple, formada por sensores de 48 Mpx (Super Píxel, apertura f/1.75), 13 Mpx (gran angular, apertura f/2.4) e 8 Mpx (telefoto, apertura f/2.4). Do outro lado, a cámara frontal é de 20 Mpx con apertura f/2.2 (Super Pixel).

Dispón de conectividade WiFi 802.11ac, Bluetooth 5.0, jack de audio para auriculares, NFC para pagos móbiles, tres sistemas de posicionamento (A-GPS, GLONASS e GALILEO), USB C e lector de pegadas dixitais baixo a pantalla.

Finalmente, a súa batería é de 4000 mAh de capacidade, con carga rápida Quick Charge 4.0+ a 27W.

Como pode verse, con esta folla de especificacións estamos ante un teléfono que vai ter un rendemento espectacular. Pero alén diso, tamén temos que destacar o seu deseño, coa pantalla sen bordes e coa cámara frontal agochada cun sistema emerxente que estamos a ver en cada vez máis modelos.

Dispoñibilidade e prezo

Como é habitual na marca, o novo dispositivo de Xiaomi conta cunha gran relación calidade prezo: o modelo de 64 + 4 GB chega ao mercado por 399 € en tres cores: negro carbón, azul glaciar e vermello laparada.

Se estades pensando en facervos con el, a súa chegada ao mercado está prevista para o próximo 26 de agosto, aínda que xa se pode acceder á prevenda para ser das primeiras en telo.

Sobre o autor

Reply