Analizamos o LG G8S ThinQ

Pola nosa mesa de análises vén de pasar o LG G8S ThinQ, un modelo que, tal e como nos deixa ver o seu nome, é unha versión do LG G8 ThinQ, neste caso con algunha característica un pouco recurtada con respecto ao modelo orixinal. Vexámolo polo miúdo.

Deseño e acabados

O LG G8S ThinQ é un modelo que, en canto a deseño, poderíamos definilo como continuísta, sen que isto sexa algo negativo, nin moito menos. Se ben é certo que en moitos aspectos atopámonos cun parecido coas xeracións anteriores de LG, unha mirada máis atenta fainos ver que estamos cun teléfono máis grande máis ou menos no mesmo espazo.

O teléfono conta co botón de acendido situado na parte dereita do dispositivo, e os controis de volume do outro lado, na esquerda. Neste lado tamén nos atopamos cun botón específico para Google Assistant, seguindo con esta colaboración entre LG e Google por facilitar o acceso a este servizo do buscador.

Os conectores témolos todos no marco da parte inferior (jack de audio 3.5 mm e USB-C), e na parte traseira temos o sistema de triple cámara, xunto co flash LED e o lector de pegadas dixitais.

Hardware e rendemento

A nível hardware estamos a falar dun dispositivo moi completo, o que permite un rendemento á altura dos modelos máis punteiros nun terminal un pouco máis modesto.

Leva no seu interior o procesador Qualcomm Snapdragon 855, xunto con 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 2 TB de capacidade.

A conectividade vén dada polo WiFi 802.11ac, Bluetooth 5.0, NFC, radio FM, dobre sistema de posicionamento (A-GPS e GLONASS) e sistema USB Tipo C 3.1. Ademais leva lector de pegadas dixitais e sensor de proximidade.

Pantalla e son

O trebello vén cunha pantalla de 6,21 polgadas, con formato 18,7:9 e resolución FullHD+. Ten capacidade para cubrir o espazo de cor DCI-P3, empregado na industria do cinema, xa que esta é unha das grandes apostas do fabricante nos seus dispositivos: que se usen para disfrutar do multimedia.

Para iso temos un panel que, alén de verse moi ben en todo tipo de ambientes, conta con certificación HDR10, e a opción de elixir entre cores orixinais ou vibrantes, así como personalizar moitos aspectos da pantalla desde o menú.

E se a imaxe é algo importante no cinema, que dicir do son. Neste aspecto LG tamén leva tempo facendo ben os deberes, e no G8S ThinQ permite volumes altos sen perder calidade.

Dispón dun procesador de son adicado, un CAD (Conversor Analóxico Dixital) para ofrecer a posibilidade de gravar en 24 bit a 192 KHz, algo que pode ser útil para moitas persoas que traballan con son.

Cámara

Como xa adiantamos no apartado adicado ao deseño, o LG G8S ThinQ dispón dunha cámara traseira formada por tres sensores (gran angular e telefoto, alén do estándar), que ademais de servir para ter diferentes opcións poderemos empregar para disparar simultaneamente grazas á aplicación.

Esta aplicación ofrece ademais outras alternativas moi interesantes, especialmente pensadas para sacar fotografías máis nítidas en ambientes complicados, como en zonas escuras, ou para conseguir vídeos máis espectaculares, cun modo cinematográfico bastante interesante.

A nível hardware temos que sinalar que no caso da cámara traseira temos un sensor principal de 12 Mpx combinado cun gran angular de 13 Mpx e un telefoto de 12 Mpx, mentres que na frontal temos unha cámara de 8 Mpx acompañada dun sensor TOF.

Podedes ver algúns exemplos de imaxes tomadas con este trebello nesta ligazón.

Software

Unha das grandes vantaxes da capa software de LG é a súa lixeireza, xa que se trata dunha versión bastante semellante a Android Stock, aínda que mantén alguna aplicación propia e, por suposto, certas modificacións estéticas.

Entre as características que podemos considerar máis diferenciais está Air Motion, que nos permite empregar o teléfono con xestos da man sobre a pantalla. Se ben é certo que a teoría é bastante interesante, e malia que probamos a introducilo no noso día a día durante as probas, á hora da verdade resultounos máis cómodo e áxil empregar o teléfono de maneira tradicional.

Batería

Falemos da batería. O dispositivo vén equipado cunha batería de 3550 mAh de capacidade, unha cifra que se atopa dentro dos mínimos que poderíamos agardar para un móbil con esta folla de especificacións.

Por suposto, é compatíbel coa carga rápida, concretamente co estándar QuickCharge 3 de Qualcomm a través do USB-C, así como tamén coa carga sen fíos Qi, unha característica que vai camiño de converterse en universal.

A autonomía real é dun día completo ou día e medio para un uso máis moderado, polo que neste aspecto non destaca especialmente fronte outros produtos que poidamos ter na competencia.

Conclusións

O LG G8S ThinQ é un dispositivo bastante completo, que combina bo deseño e acabados cun bo rendemento e unhas prestacións multimedia á altura do que podemos agardar nun trebello da súa gama, con especial mención ao aspecto da pantalla e do son, ondec claramente destaca.

Pódese mercar por algo menos de 500 €, un prezo moi aceptábel para un terminal destas características técnicas.

Sobre o autor

Reply