Durante o seu evento de prensa do IFA 2019, a xaponesa Sony presentou o novo Sony Xperia 5, un teléfono que chegou logo de case medio ano de filtracións nas que fomos coñecendo algunhas das características, tanto de deseño como de prestacións, do novo dispositivo.
Sendo xa oficial, do novo trebello podemos dicir que algunhas das súas prestacións chaman a nosa atención, xa que por exemplo – e ao contrario do que está a acontecer co resto de marcas – o tamaño da súa pantalla redúcese comparándoo co seu predecesor, ao pasar das 6,5 ás 6,1 polgadas, e da resolución 4K á FullHD+. Iso si, mantense o formato 21:9.
En canto ao resto de especificacións do novo Sony Xperia 5, atopámonos co procesador Qualcomm Snapdragon 855, xunto con 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna. A súa batería é de 3140 mAh de capacidade, con carga rápida, e por suposto está equipado con NFC e lector de pegadas dixitais (neste caso, nun dos botóns laterais).
A súa cámara principal está formada por tres sensores, un principal de 12 Mpx con distancia focal de 26 mm, un gran angular de 12 Mpx con distancia focal de 16 mm e un telefoto, tamén de 12 Mpx. Do outro lado, na cámara frontal temos un sensor de 8 Mpx con apertura f/2.0.
Dispoñibilidade e prezo
Malia que non temos unha data para a súa posta á venda no noso país, noutros países europeos xa está en prevenda, acompañado dos tamén novos auriculares sen fíos WF-1000XM3, valorados en 250 euros.
No caso do país galo o prezo deste pack é de 800 euros, mais en Alemania sube aos 850 euros; no caso de Holanda o teléfono véndese sen os auriculares por 800 euros.