Telefónica comeza co seu piloto de 5G en Galiza

O 5G comeza a despegar no noso país. Se ben é certo que polo de agora a única rede destas características que o usuario final pode empregar é a de Vodafone, tanto nas cidades da Coruña como en Vigo, o resto de compañías están a facer probas de campo polo territorio galego.

É o caso de Telefónica, que vén de poñer en marcha un proxecto piloto en colaboración con Red.es, cunha duración de 24 meses e un orzamento de máis de 11 millóns de euros, dos cales máis de 4 serán cofinanciados con cargo ao FEDER.

Esta experiencia piloto atópase na súa primeira fase de desenvolvemento, e inclúe oito casos de uso que se van a desenvolver a cargo dunha Unión Temporal de Empresas (UTE) da que forman parte Telefónica, Ericsson, Nokia, CInfo, Idronia, Telnet Redes Inteligentes, e o Centro Internacional de Oftalmología Avanzada Fernández-Vigo.

Os proxecto divídese en oito casos, que serán os seguintes:

  • Asistencia á condución no túnel do Cereixal (Lugo). O obxectivo é probar os servizos de seguridade nos vehículos.
  • Fusión sobre acceso fixo radio 5G (Vigo). Proba como solución á fibra en entornos urbanos e rurais.
  • Supervisión da infraestrutura ferroviaria con Adif e Ineco (Ourense). Usaranse drones con cámaras para recoller imaxes das vías para facilitar a inspección e mantemento.
  • Industria 4.0 (Ferrol). Dentro do plan de dixitalización de “Navantia Astillero 4.0”, para asistencia técnica remota a máquinas en produción con realidade aumentada e modelos 3D (visualización de pezas no escenario real para identificar incidencias e streaming 3D en tempo real.
  • Produción de eventos deportivos (A Coruña). En colaboración co Deportivo da Coruña e a solución TV5G no estadio de Riazor e na Cidade Deportiva de Abegondo.
  • Exploración e diagnóstico oftalmolóxico remoto en tempo real. (Vigo) Mediante captura de imaxes en alta resolución.

En todos estes casos vaise despregar rede 5G e a experimentar e innovar sobre as capacidades desta tecnoloxía, en concreto o ancho de banda e baixa latencia.

Sobre o autor

Reply