Samsung achega a conectividade 5G á saga Galaxy A co A90 5G

Quen dixo que o 5G era só cousa dos móbiles tope de gama? Samsung quixo rachar con esa idea no lanzamento do Samsung Galaxy A90 5G, un dispositivo que pertence á gama intermedia do fabricante surcoreano, pero que incorpora as últimas novidades en conectividade.

En calquera caso, o trebello non é un “gama media” calquera, xa que pola súa folla de características – e seguramente, cando o coñezamos, o seu prezo – estaría na chamada “gama media premium”.

E é que o novo Samsung Galaxy A90 5G leva un dos mellores procesadores do momento, concretamente o Qualcomm Snapdragon 855. Xunto a el van 6 ou 8 GB de memoria RAM (segundo versións) e 128 GB de memoria interna, iso si, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 512 GB de capacidade.

En canto á pantalla, temos un panel FullHD+ de 6,7 polgadas (resolución 2400 x 1080 píxeles), e a súa cámara principal está formada por tres sensores (48 Mpx con f/2.0, lente de profundidade de 5 Mpx con f/2.2 e gran angular de 8 Mpx con f/2.2); do outro lado, a cámara secundaria é de 32 Mpx con f/2.0.

A súa batería sitúase nos 4500 mAh de capacidade, con carga rápida de 25W, e dispón de lector de pegadas dixitais baixo a pantalla, USB tipo C e, como di o seu nome, conectividade 5G.

Grazas a esta conectividade, as usuarias que aposten por este dispositivo poderán disfrutar de maiores velocidades de conexión, aínda que polo de agora a extensión destas redes é bastante limitada. Concretamente, a súa presenza no noso país limítase ás usuarias de Vodafone das cidades da Coruña e Vigo.

Polo de agora descoñécese o prezo ao que poderemos atopar este dispositivo no mercado, mais podemos augurar que non vai ser baixo debido ás súas características.

Sobre o autor

Reply