Xiaomi Mi 9 Lite: toda a información

Xiaomi anunciou estes días o lanzamento dun novo terminal, o Xiaomi Mi 9 Lite, aínda que en realidade é a versión internacional de outro dispositivo xa coñecido no mercado chinés, onde se comercializa como Xiaomi CC9e.

O novo trebello chega para completar a familia Mi 9, ofrecendo un deseño inspirado no modelo de referencia pero cunhas características que, malia estar por debaixo, resultan bastante interesantes para o público que aposta pola gama media.

O novo Xiaomi Mi 9 Lite incorpora unha pantalla de grandes dimensións, apostando por un panel AMOLED de 6,39 polgadas con ratio 19.5:9 e resolución FullHD+ a 2340 x 1080 píxeles.

No seu interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 710, xunto con 6 GB de memoria RAM e opcións de 64 ou 128 GB de capacidade interna. A batería é de 4030 mAh de capacidade, con carga rápida de 18 W, e leva Android 9 Pie con MIUI 10.0. Tamén dispón de NFC, Bluetooth 5.0 e son Hi-Res.

A cámara principal é unha cámara formada por tres sensores (48 Mpx Super Píxel + 8 MPx Ultra Gran Angular de 118º + 2 Mpx de Profundidade), mentres que na cámara dianteira temos un sensor Super Píxel de 32 Mpx con f/2.0.

Con esta ficha de características, e algunha cousiña adicional, como o lector de pegadas dixitais baixo a pantalla ou un pequeno notch en forma de gotiña, Xiaomi tamén deixa clara a súa aposta polo deseño, ofrecendo unha alternativa que tamén é atractiva esteticamente sen ter que ir ao modelo tope de gama.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Xiaomi Mi 9 Lite na versión de 64 GB está dispoñíbel para reservar a través da web de Xiaomi, mentres que o modelo de 128 GB chegará no mes de outubro.

En canto aos prezos, temos que o modelo de 64 GB custará 319 euros e o de 128 GB subirá até os 349 euros. Ambos os dous poden mercarse en azul aurora, branco perla e negro onyx.

Sobre o autor

Reply