Novos Huawei Mate 30/30 Pro: sen Play Store, nin Google Apps, nin WhatsApp

Huawei anunciou onte novos dispositivos da familia máis premium, co lanzamento do Huawei Mate 30 e Mate 30 Pro. Ambos trebellos continúan coa aposta da marca por dispositivos con bo deseño e con algún punto forte en certos aspectos fotográficos, mais iso si, veñen sen Play Store nin Google Apps nin acceso doado a aplicacións básicas.

Huawei Mate 30

O dispositivo base, o Huawei Mate 30, é un trebello que incorpora unha pantalla OLED de 6,62 polgadas, con resolución 2340 x 1080 píxeles e formato 18.7:9. No seu interior incorpora o procesador Kirin 990 (2 x 2.86 GHz + 2 x 2.09 GHz + 4 x 1.86 GHz), 8 GB de RAM e 128 GB de memoria interna, ampliábeis por Nano Memory de 256 GB.

No apartado fotográfico ten unha cámara principal de formada por tres sensores (40 Mpx con f/1.8 + gran angular de 16 Mpx con f/2.2 + telefono de 8 Mpx con f/2.4), mentres que a cámara frontal é de 25 Mpx con f/2.0.

Dispón de Bluetooth 5.1, toma de auriculares, sensor de infravermellos, NFC, USB 3.1 Tipo C, lector de pegadas baixo a pantalla e unha batería de 4200 mAh con carga rápida de 40 W e carga sen fíos de 27W.

Estará dispoñíbel en negro, morado, prateado e verde, e poderase mercar por 799 euros.

Huawei Mate 30 Pro

Pola súa banda, o Huawei Mate 30 Pro posta por unha pantalla dobremente curvada un pouco máis grande, neste caso de 6,53 polgadas, con resolución 2400 x 1176 píxeles e formato 19.5:9. No interior leva tamén o procesador Kirin 990, aínda que desta vez con 256 GB de memoria interna (ampliábeis por Nano Memory de até 256 GB) e 8 GB de RAM.

En fotografía aposta por catro sensores na cámara traseira (40 Mpx con f/1.8 + 40 Mpx con f/1.6 + 8 Mpx con f/2.4 + sensor de profundidade 3D) e dous sensores na frontal (32 Mpx con f/2.0 + sensor de profundidade 3D).

Co Mate 30 comparte todo o relativo á conectividade, aínda que a batería sube até os 4500 mAh de capacidade (carga rápida de 40W por cable e sen fíos de 27W), e dispón de protección IP68.

Chega tamén en catro cores (negro, morado, prata e verde) por 1099 euros, exisitindo tamén unha versión 5G que custará 1199 euros.

Con Android, pero sen Google Apps nin Play Store

Máis aló do puramente hardware, onde certamente Huawei está a facer un bo traballo, a gran novidade destes novos modelos é unha notoria ausencia. E é que os novos dispositivos veñen con EMUI 10 sobre Android 10 AOSP, pero sen as Google Apps nin a Play Store.

Isto obrigou a Huawei a desenvolver o seu propio ecosistema de aplicacións, chamado Huawei Mobile Services, que inclúe, entre outras cousas:

  • Unha tenda de aplicacións (AppGallery).
  • Un servizo de sincronización de datos na nube (Huawei Mobile Cloud).
  • Un servizo de identificación (Huawei ID).
  • Un sistema de pagos (Huawei Wallet).

Estes servizos pretenden sustituír aos de Google, e aínda que é certo que tecnicamente poderían instalarse algunhas aplicacións de Google, Facebook e outros desenvolvedores de maneira manual, non é algo doado para todas as usuarias.

Gmail, Google Calendar, Google Maps, YouTube, WhatsApp, Facebook, Instagram…. son aplicacións que forman parte da nosa vida diaria que, nos novos Huawei Mate 30 / Mate 30 Pro non van ter unha fácil instalación, polo que é algo a ter moi en conta antes de plantexarse facerse cun destes novos trebellos.

Huawei Watch GT2

Ademais dos novos teléfonos, Huawei tamén anunciou novos reloxos, os Huawei Watch GT2. Dispoñíbeis en dous tamaños e varios acabados, os novos smartwatches de Huawei teñen unha orientación moi clara cara o mundo deportivo.

En termos de deseño ofrece dous tamaños, un con esfera de 46 mm e outro con esfera de 42 mm.

O primeiro deles ofrece unha pantalla AMOLED HD de 1,39 polgadas, con resolución 454 x 454 píxeles, e no interior leva procesador Kirin A1, que destaca polo seu baixo consumo enerxético (o fabricante afirma que ofrece até 2 semanas de autonomía na versión de 46 mm, unha semana no de 42 mm),

Son compatíbeis con 15 tipos de deportes, monitorizando até 190 tipos de datos por cada un deles, que analiza e procesa para ofrecernos toda a información. Ademais tamén teñen monitor de ritmo cardíaco para previr a bradicardia ou calquera outra incidencia, alertando á usuaria a través da aplicación.

Chegarán en outubro ás tendas, e o modelo de 46 mm terá un prezo de 249 euros.

Sobre o autor

Reply