Novo Realme X2: potencia e cámara a prezo axustado

Non é novidade que as marcas chinesas ofrezan dispositivos que destacan pola súa potencia a prezos axustados. No mercado temos diferentes exemplos, mais hoxe queremos falarvos do novo Realme X2, un dispositivo da segunda marca de Oppo.

O trebello é moi semellante a unha versión lanzada hai poucas semanas, o Realme XT, tanto no seu deseño como nas súas características. Porén, o X2 ofrece unha potencia superior pensando nas usuarias que queren xogar, o NFC para facer pagos móbiles e cámara frontal mellorada.

A pantalla é un panel Super AMOLED de 6,4 polgadas con resolución 1080 x 2340 píxeles. No seu interior leva o procesador Qualcomm Snapdragon 730G con GPU Adreno 618, 6 / 8 GB de memoria RAM e opcións de 64 / 128 / 256 GB de capacidade interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.

No apartado fotográfico temos unha cámara frontal mellorada, de 32 Mpx con f/2.0, mentres que na parte traseira apóstase por unha cámara formada por catro sensores: principal de 64 Mpx con f/1.8, gran angular de 119º de 8 Mpx con f/2.25, macro de 2 Mpx e de profunidade de 2 Mpx.

A batería é de 4000 mAh, con carga rápida SuperVOOC 3 de 30 W. Leva sensor de pegadas dixitais baixo a pantalla, NFC para pagos móbiles, USB C, WiFi ac, Bluetooth 5.0, jack de auriculares con Dolby Atmos e Hi-Res Audio e Android 9 Pie coa capa Color OS 6.1.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Realme X2 achega todas estas características por un prezo de apenas 209 euros ao cambio, aínda que polo de agora non se vende de maneira oficial no noso país. Porén, o fabricante ten prevista a súa expansión europea, polo que agardamos que sexa un dos modelos que chegue ao noso mercado.

Sobre o autor

Reply