Google Pixel 4: sen segredos antes da súa presentación

O vindeiro día 15 de outubro Google vai anunciar os seus novos dispositivos, os Google Pixel 4 / 4 XL, os dous smartphones con selo propio cos que a compañía responsábel de Android quere sacar o mellor de Android 10.

Mais, se algo é difícil para Google é gardar os segredos, pois nas últimas semanas – e especialmente nos últimos días – vimos como todas as características destes dispositivos foron quedando ao descuberto, até o punto de que xa chegaron a saír reviews do produto.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, Google ofrece os seus dispostivos en dous tamaños, que desta vez só se diferenzan pola pantalla e pola súa batería. Isto é de agradecer, xa que permite ás usuarias escoller o tamaño que queren sen ter que renunciar a especificacións.

Os Pixel 4 e Pixel 4 XL incorporan un procesador Qualcomm Snapdragon 855, xunto con 6 GB de memoria RAM e opcións de 64 e 128 GB de memoria interna, en ningún dos casos ampliábeis mediante tarxetas microSD.

O tamaño da pantalla é de 5,7 polgadas con resolución FHD+ no Pixel 4 e de 6,3 polgadas con resolución QHD+ no Pixel 4 XL. Nos dous casos trátase de paneis OLED, con Ambient EQ e 90 Hz de taxa de refresco.

Se falamos das cámaras, a principal é unha cámara dobre formada por un sensor de 12 Mpx Dual Pixel e outro de 16 Mpx telefono. Da frontal aínda non se coñecen todas as súas características, mais parece que terá recoñecemento facial en 3D.

Completando a folla de especificacións temos unha batería de 2800 mAh no Pixel 4 e de 3700 mAh no Pixel 4 XL, e ambos veñen con cargador de 18 W. Dispoñen de altofalantes estéreo, Motion Sense (xestos no aire), módulo de seguridade Titan M e Android 10 como sistema operativo con garantía de 3 anos de actualizacións de sistema e seguridade.

Malia que todas estas características chegan de fontes fiábeis, tócanos esperar ao día 15 de outubro, cando está previsto que Google faga oficial estes dous modelos e, esperemos, tamén o seu prezo.

Sobre o autor

Reply