O novo Sharp S7 ten unha autonomía dunha semana, pero con truco

Sharp anunciou hai uns días un novo trebello, o Sharp S7, aínda que realmente se trata dunha versión derivada doutro trebello da marca, o Sharp Sense 3 Lite con lixeiros cambios, como a eliminación do lector de pegadas dixitais frontal e a redución da memoria RAM.

A súa pantalla é un panel IGZO LCD de 5,5 polgadas con resolución 2160 x 1080 píxeles, e no seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 630, xunto con 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis por microSD.

No apartado fotográfico fúxese da moda da multicámara traseira, apostando por unha cámara principal de 12 megapíxeles con apertura f/2.0 e unha frontal de 8 Mpx con apertura f/2.2.

A súa batería é de 4000 mAh, unha cifra bastante habitual nos modelos que se venden a día de hoxe, aínda que o fabricante pon o énfase en que pode durar máis dunha semana grazas á súa pantalla IGZO, que ofrece gran aforro enerxético. Iso si, co asterico de usalo 1 hora ao día e telo as outras 23 horas en repouso, algo que dista moito do uso habitual.

Polo seu hardware estamos ante un dispositivo de gama media, pero que debera andar con certa fluidez, dado que se trata dun modelo Android One (sen capas de personalización) e que xa vén con Android 10 de serie.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Sharp S7 venderase en tres cores (gris, prata e melocotón) no Xapón, de momento sen novas sobre a súa posíbel comercialización noutras rexións. A compañía leva tempo falando da súa expansión, pero de momento non hai novas concretas.

O seu prezo de momento é descoñecido.

Sobre o autor

Reply