Analizamos o Wiko Y60, un teléfono básico para quen non precisa moito dun móbil

Nas últimas semanas estivemos a probar un deses terminais que non acaparan moitos titulares, xa que pertence á gama máis básica do panorama Android. Con iso non quere dicir que non sexa un dispositivo a ter en conta, iso si, orientándoo a un público moi determinado. Estamos a falar do Wiko Y60.

Deseño e acabados

Partindo de estar a falar dun móbil económico e de gama baixa, atopámonos cun deseño conservador que, ao tempo, tamén incorpora algunha característica actual.

No lateral dereito temos as botoneiras de control de volume e ecendido, mentres que na parte baixa dispón do conector de carga, microUSB. Na parte traseira sitúase o altofalante na parte máis baixa e a cámara co seu flash na parte alta esquerda. Tamén dispón de jack de auriculares de 3.5 mm.

En termos de deseño atopámonos con esa estética “alongada” dos móbiles máis actuais debido ao tipo de pantalla, aínda que conservando uns marcos bastante xenerosos. Se falamos dos acabados, como é de imaxinar nun terminal desta gama, o material predominante é o plástico.

Hardware e rendemento

A nível hardware estamos ante un dispositivo básico, comezando polo seu procesador, onde o fabricante decidiu instalar un modelo de catro núcleos ARM Cortex-A53 a 1,3 GHz, acompañado de 1 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, que se poden ampliar mediante a tarxetas microSD de até 128 GB.

Completando a listaxe de características hardware, o novo Wiko Y60 vén con tarxeta dualSIM e conectividade 4G.

Se falamos de rendemento, como era de imaxinar non podemos agardar un funcionamento hiperfluído, especialmente con ese procesador e ese GB de RAM. Aínda así, as aplicacións “Go” de Android funcionan con bastante lixeireza, algo que é de agradecer se o empregamos como dispositivo secundario.

Pantalla

A pantalla é un panel de 5,45 polgadas, que seguindo os patróns actuais conta cunha relación de aspecto 18:9. A súa resolución é de 980 x 480 píxeles.

A necesidade de aforrar custes en fabricación fixo que o fabricante apostase por un modelo que conta cunha pantalla que non chega nin á HD, e cuxa experiencia é básica.

Cámara

No apartado fotográfico, Wiko apostou por dotar ao dispositivo dunha cámara principal e outra secundaria de 5 Mpx, no caso da traseira con flash tipo LED e sistema de estabilización de imaxe. Así mesmo, en ambos casos graban vídeo en FullHD.

Como podería imaxinarse, a cámara non é un dos puntos fortes deste modelo, senón que máis ben se trata dalgo anecdótico. Se ben é certo que con todas as condicións de luz a favor obtemos uns resultados medianamente aceptábeis, en canto temos baixa luz a cousa empeora, metendo bastane ruído nas fotos.

Software

O aspecto do software é un dos máis interesantes deste Wiko Y60. O dispositivo trae de fábrica Android 9.0, iso si, trátase da versión “Go”, moito máis lixeira e especialemente deseñada para teléfonos con características máis sinxelas.

Grazas a isto conséguese que o dispositivo estea á última en termos de seguridade e compatibilidade coas aplicacións que exixen versións recentes de software.

Por completar este apartado, tamén cabe destacar a existencia dun “modo sinxelo”, que pode ser de gran interese para o público máis maior.

Batería

En canto á batería, o Wiko Y60 dispón dunha capacidade de 2500 mAh que achega unhas moi boas cifras en espera, mais tamén en uso, aguantando entre día e día e medio, segundo a intensidade.

Conclusións

O novo Wiko Y60 é un terminal moi básico, que consideramos que pode ser interesante unicamente para un público que quere introducirse no mundo dos smartphones (típico perfil de avó/avoa que quere instalar WhatsApp) ou como segundo móbil, por exemplo para o traballo.

Está dispoñíbel en tres cores (dourado, gradiente verde – azul e gradiente azul escuro. Pódese mercar por algo menos de 90 euros euros nos principais distribuidores, tanto online como en tenda física.

Sobre o autor

Reply