Para calquera usuaria de Android, a Play Store é a tenda de referencia para descargar as súas aplicacións e xogos, e aínda que na maioría dos casos adóitase usar para baixar aplicacións e xogos gratuítas, todas sabemos que tamén hai unha rea de apps que son de pago ou teñen un modelo de subscrición, desde a mensualidade de Netflix ou HBO aos xogos.
Para todos eles Google vén de lanzar un novo programa de recompensas nos Estados Unidos (que xa tiñan operativo en Xapón e Corea do Sur) chamado Google Play Points. Este sistema permite gañar puntos e recompensas por usar a Play Store, co obxectivo de impulsar as vendas.
O sistema de funcionamento de Google Play Points é moi sinxelo, pois con todas as compras (apps, xogos, compras integradas, subscricións, películas, libros ou música) xeraranse puntos, aínda que tamén descargando algunhas apps e xogos destacados.
Por outra banda, e como adoita ser habitual nestes programas de fidelización, tamén haberá eventos destacados que permitirán aumentar os puntos gañados en películas, libros e xogos seleccionados.

A puntuación que obteña cada usuaria permitiralle acceder a un dos catro niveis nos que Google Play Points está dividido: bronce, prata, ouro e platino. Como é lóxico, canto maior sexa o nível mellor serán tamén as vantaxes ás que se pode acceder, e taméns os puntos:
- Nível bronce: 1 punto por cada dólar.
- Nível prata: 1,2 puntos por cada dólar.
- Nível ouro: 1,3 puntos por cada dólar.
- Nível platino: 1,4 puntos por cada dólar.
- Eventos: até 4 puntos por xogos e até 5 puntos por películas.
Estes puntos poderanse canxear por crédito para pagar dentro do ecosistema Google Play, así como en compras integradas ou mesmo doar unha cantidade económica a algunha causa benéfica.
Sen novas das súa expansión
A nova da chegada deste programa de puntos aos Estados Unidos achega un pouco máis a esperanza de que poida extenderse a súa chegada a outros lugares, entre eles países do continente europeo. Porén, de momento non hai novas que indiquen que isto vaia suceder en breve, e de momento teremos que agardar.