O fabricante chinés Xiaomi celebrou onte un evento no que fixo diversos anuncios, entre eles o dun novo terminal, o Mi Note 10, que destaca pola súa quíntuple cámara de 108 megapíxeles, así como a chegada ao noso país do Redmi Note 8T e a serie de televisores Mi TV 4.
Novo Xiaomi Mi Note 10
Como comentabamos, o Xiaomi Mi Note 10 ten como principal reclamo unha configuración de cinco cámaras, combinando un gran angular de 108 MP, un teleobxectivo de 5 MP, un segundo teleobxectivo de 12 MP, un ultra gran angular de 20 MP e un obxectivo macro. Con esta configuración o fabricante asegura que ofrece unha experiencia zoom que vai desde 0,6x a 50x sen comprometer a calidade de imaxe.
Do outro lado, na parte frontal temos unha cámara de 32 megapíxeles, con función de embelecemento, selección de retratos selfies, detección de escenas, desbloqueo de rostro, e selfie panorámico, todo facendo uso da intelixencia artificial.
En canto ao resto de características, o Mi Note 10 dispón dunha pantalla curvada 3D AMOLED de 6,47 polgadas, e no seu interior alberga un procesador Qualcomm SnapdragonTM 730G de 8 nm, xunto con 6 / 8 GB de RAM e 128 / 256 GB de memoria interna. A súa batería é de 5260 mAh de capacidade, compatíbel con carga rápida de 30W.

O novo Xiaomi Mi Note 10 estará dispoñíbel en tres cores (negro medianoite, verde aurora e branco glaciar) por 549 € na versión con 6 + 128 GB, ou 649 € se apostamos pola de 8 + 256 GB.
O de 6 +128 GB poderase mercar a partir do 15 de novembro na tenda en liña e tendas físicas de Xiaomi, en Amazon, El Corte Inglés, FNAC, MediaMarkt, PC Componentes e The Phone House. Ademais, tamén chegará ás operadoras Movistar, Orange, Vodafone e Yoigo.
Xiaomi Redmi Note 8T
Así mesmo, Xiaomi anunciou a chegada ao noso país do Redmi Note 8T. O último modelo da serie Redmi destaca pola súa cámara cuádruple de alta resolución a 48 Mpx e pola presenza de NFC, un elemento que non sempre se atopa nos modelos chineses.
O dispositivo leva unha pantalla FullHD+ de 6,3 polgadas, con notch de tipo pinga de auga e deseño curvo 2.5D. No interior aposta por un procesador Qualcomm Snapdragon 665, e diversas opcións de memoria. A batería é de 4000 mAh con carga rápida de 18W e NFC.

No apartado fotográfico, o Redmi Note 8T leva unha cámara principal de 48 Mpx, acompañada dun gran angular de 8 Mpx con campo de visión de 120º, macro de 2 Mpx e un sensor de profundidade, tamén de 2 Mpx. Na parte dianteira ten unha cámara selfie de 13 Mpx con apertura f/2 con funcións de recoñecemento por intelixencia artificial.
En canto a dispoñibilidades, chega ao noso país a partir de mañá, 8 de novembro, en tres combinacións de memorias:
- 3 + 32 GB por 179 €
- 4 + 64 GB por 199 €
- 4 + 128 GB por 249 €
Todas elas poderán adquirirse en Amazon, Alcampo, Carrefour, El Corte Inglés, FNAC, MediaMarkt, PC Componentes, The Phone House e Worten. En canto ás operadoras Vodafone, Yoigo, Movistar e Orange, estas terano nas versións de 3 + 32 GB e 4 + 128 GB.
Mi TV 4
Por último, Xiaomi anunciou tamén a chegada ao noso país da súa serie de televisores Mi TV 4, que supón un novo fito para a compañía. Así, o fabricante chinés lanzará tres modelos: a Mi TV 4S 55”, a Mi TV 4S 43” e a Mi TV 4A 32”.
Toda a serie ofrece un hardware potente cunha interface doada de usar e unha ampla biblioteca de contido multimedia. A parte de televisión conectada está baseada en Android TV 9.0, de maneira que as usuarias poden instalar aplicacións de Google Play Sotre e usar funcións, como Google Chromecast ou Google Assistant.

Ademais, todas elas están dotadas do Mi Remote e un botón adicado a Google Assistant, para que os dispositivos domésticos intelixentes compatíbeis se poidan controlar de forma remata mediante comandos de voz.
Os seus prezos son bastante agresivos, comezando nos 179 € na máis pequena, de 32”. A Mi TV 4S 43” custará 349 € e a a 4S 55” cen euriños máis, 449 €. Todos eles estarán en prevenda a partir do 25 de novembro e até o 2 de decembro en mi.com, Mi Stores, MediaMarkt e PC Componentes. Durante este período, a Mi TV 4S 55” contará cun prezo especial de 399 €.